
O Concello de A Pobra de Trives aprobou por unanimidade no último pleno o proxecto de mellora e rehabilitación do Campo Municipal O Agro, cun investimento total de 518.370,07 euros financiados pola Xunta, Deputación e Concello. Esta actuación transformará o actual campo de fútbol de herba natural nunha instalación moderna con céspede artificial, mellorando as condicións para a práctica deportiva e permitindo un uso máis intensivo.
O proxecto inclúe a substitución do céspede natural por unha superficie sintética de alta calidade, cumprindo cos estándares da FIFA e da RFEF para competicións. Ademais, renovarase por completo o sistema de iluminación mediante proxectores LED máis eficientes, que garantirán unha mellor visibilidade e un menor consumo enerxético. Tamén se actualizarán as redes de drenaxe e rego, asegurando un mantemento máis sostible e reducindo os custos de conservación.
Entre as principais melloras destacan a preparación do terreo con movementos de terras e a instalación dunha base estable para o céspede artificial, así como a colocación de novas canaletas e tubos para unha drenaxe eficiente. O sistema de rego contar con aspersores automatizados, mentres que a nova iluminación LED, situada en torres de 18 metros de altura, permitirá un alumeado uniforme e sen deslumbramentos.
As obras desenvolveranse nun prazo de catro meses, distribuídas en varias fases. Nun primeiro momento, realizarase a retirada dos elementos existentes e a preparación do terreo. A continuación, executaranse as cimentacións para as novas instalacións, seguido da colocación das redes de drenaxe, rego e electricidade. A fase final incluirá a instalación do céspede artificial e a colocación do novo equipamento deportivo, como porterías e bancos.
Unha vez rematadas as obras, o Campo Municipal O Agro converterase nun espazo moderno, funcional e adaptado ás necesidades dos clubs locais e da cidadanía en xeral, impulsando o deporte base na comarca.
Ademais, durante a sesión deuse conta de dúas baixas na Coorporación local. Roberto González Castro, concelleiro e portavoz do Partido Popular, ademais de candidato popular nas pasadas eleccións municipais, e Aarón Álvarez Corrales, concelleiro do PSdeG-PSOE, deixaron cadansúas actas.
A alcaldesa, Patricia Domínguez, quixo dedicarlles unhas palabras a ambos: “Estou segura de que, para quen ocupamos un escano nesta corporación, representar aos nosos veciños e veciñas é unha inmensa honra. Estou igualmente convencida de que para Aarón e Roberto, tamén o foi durante estes meses nos que exerceron como concelleiros. Por iso, quero agradecerlles o seu desempeño dende que tomamos posesión en xullo de 2023. Especialmente a Aarón, con quen compartín tarefas de goberno e horas de traballo”.
Así mesmo, expresoulles tamén “no nome do goberno e creo que tamén de toda a corporación, moitos éxitos en todo o que emprendan a partir de agora”
A renuncia de ambos concelleiros será trasladada á Xunta Electoral, para que os seguintes nas listas de PP e PSdeG podan tomar posesión o antes posible.