A Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE) elaborou unha listaxe coas 100 mellores startups do ano 2024 situadas nos seus 51 parques científicos e tecnolóxicos, presentes en 15 comunidades autónomas españolas. Trátase de proxectos innovadores en ámbitos punteiros e entre elas hai dúas empresas galegas, situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-: Coinscrap Finance e Madera Plus.
Coinscrap desenvolve ferramentas de microaforro baseadas na Intelixencia Artificial
Coinscrap Finance é unha fintech, é dicir, unha empresa que ofrece servizos financeiros a través de medios dixitais e o uso da tecnoloxía. Naceu coa intención de axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo a través de apps de microaforro e, desde a súa creación, xa desenvolveron diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Nesta liña, apoia aos principais bancos e compañías de seguros europeas na ampliación da súa proposta de valor ás xeracións de clientes máis novos mediante a personalización da súa experiencia dixital e o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados en datos.
Esta plataforma de saúde financeira emprega a Intelixencia Artificial baseándose na economía do comportamento. Así, para o Banco Santander desenvolveu unha hucha intelixente que axuda aos usuarios a aforrar a través de regras totalmente configurables como poden ser o redondeo, a porcentaxe de ingresos…, o que permite realizar aportacións periódicas para cumprir obxectivos e metas. Con esta ferramenta de microaforro creáronse 100.000 huchas de aforro, o que se traduce en 161 millóns de euros aforrados en menos de dez meses.
Na actualidade a empresa conta con máis de 30 empregados directos, dos cales 13 son mulleres. En Latinoamérica xa están presentes en México e buscan expandirse a Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Perú, Puerto Rico e Uruguai.
Madera Plus certifica a calidade da madeira desde o monte á industria
Madera Plus Calidad Forestal proporciona solucións dixitais para optimizar os recursos ambientais e madeirables do monte. Cuantifica as absorcións de CO2 e emprega algoritmos para avaliar a calidade tecnolóxica da madeira para o seu uso estrutural, realizando tanto medicións indirectas sobre as árbores como sobre a madeira cortada.
A empresa caracteriza a calidade da madeira desde a árbore en pé e a madeira en rolo segundo o seu rendemento final na industria. Para iso empregan diferentes tecnoloxías non destrutivas e aportan diferenciación por calidade tecnolóxica, pegada social e pegada de CO2 á madeira que certifican. Así, benefícianse todos os actores da cadea porque o propietario obtén un maior prezo pola venda da madeira certificada, os rematantes diferéncianse ofertando unha madeira de calidade e recoñecida polo mercado, e, por último, a industria consegue un maior rendemento no procesado de madeira e inclúen no seu produto o balance da pegada de carbono e da pegada social.
A capacidade emprendedora dos parques científicos e tecnolóxicos
O obxectivo que persegue APTE é recoñecer as 100 startups máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos españois e poñer de relevo a calidade e capacidade emprendedora que se desenvolve nestas contornas, así como facilitar o coñecemento destas empresas a posibles entidades investidoras interesadas en proxectos de alto crecemento. Nesta liña, estas startups terán un protagonismo especial durante a vindeira edición do Foro Transfiere -o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, que conecta a todo o sistema español de innovación e impulsa a súa proxección internacional-, que terá lugar en Málaga no mes de marzo e onde as firmas poderán manter reunións con potenciais clientes e investidores.