
O PSdeG-PSOE de Melón informa da presentación dunha denuncia no posto da Garda Civil de Carballiño contra o concelleiro do Partido Popular e ex alcalde do municipio, Manuel Alberto Pardellas Álvarez por inxurias, insultos e vexacións ao remate do pleno municipal celebrado o pasado 26 de marzo. As e os socialistas explican que o edil popular «proferiu numerosos insultos contra o alcalde, a secretaria e a concelleira de servizos sociais», situación que consideran «inadmisible» e que segundo sinalan «atenta directamente contra a democracia».
Dende o grupo municipal socialista de Melón afirman que «xa é habitual que o señor Pardellas recorra os insultos nos plenos municipais», pero tal e como apuntan «nesta ocasión superou todos os límites». A denuncia foi presentada pola concelleira de servizos sociais, Fátima Barreiro Bernárdez, quen recibiu por parte do concelleiro do partido popular vexacións e insultos contra a súa persoa, no exercicio das súas funcións públicas como concelleira ao remate do pleno.
«Unha vez rematado o pleno, o edil do PP Manuel Alberto Pardellas, comezou a insultar ao alcalde, Emilio Luís Díaz e a secretaria dirixíndose a les con cualificativos tales como tonto, que eres tonto del culo», explican dende o PSOE de Melón. Tras isto, o concelleiro do PP tomouna coa concelleira socialista, Fátima Barreiro, dirixíndose a ela entre berros nos seguintes termos «esta peixeira de merda, vaite lavar que cheiras. Vai pagar o que debes a Barbadás. Teño os papeis na casa, tonta, subnormal». Posteriormente Pardellas chegou incluso a encararse con ela ca súa cara a escasos centímetros e verténdolle auga dunha botella que portaba por riba.
O alcalde de Melón, Emilio Luís Díaz Vidal, considera que este comportamento «é inadmisible nun concello e en calquera outro lugar por parte dunha persoa que é un cargo público e que di defender os intereses da veciñanza de Melón». Ante uns feitos «tan graves», o rexedor reclama ao presidente do PP galego, Alfonso Rueda, e ao presidente do PP provincial, Luís Menor, que «poñan coto de inmediato a estas actitudes antidemocráticas e vexatorias de quen foi alcalde de Melón e que actualmente é edil do PP no municipio».
«Estamos falando dunhas faltas de respecto e insultos que son intolerables e dunha actitude agresiva impropia dun cargo público», explica Díaz Vidal. Unha situación que tal e como subliña «non é nova», posto que en practicamente en tódolos plenos «insúltanos tanto a min como a secretaria». Situación que tamén se repite en Facebook, onde na súa rede social Paixón por Melón «chegou a publicar insultos contra a miña persoa e varios concelleiros».
Ante a actitude agresiva de Pardellas e temendo «unha posible agresión», a concelleira de servizos sociais, Fátima Barreiro, procedeu a presentar unha denuncia diante da Garda Civil, xa que segundo relata «xa houbo varios altercados con outros compañeiro e temo que a situación poida ir a máis, chegando incluso a agresión».