O PSdeG-PSOE da Peroxa denuncia que a «total inacción» e a «vergoñenta preguiza» do goberno local do Partido Popular, deixou a este municipio de Ourense sen brigada de prevención e defensa contra incendios forestais, nun dos anos con maior risco de incendio e nun dos veráns máis complicados na loita contra esta persistente lacra que afecta ao noso medioambiente e as nosas vilas.
«A Peroxa é agora mesmo un dos poucos municipios que non conta con ningún tipo de brigada contra os lumes, co risco que isto representa para a seguridade das veciñas, veciños e do patrimonio natural e mobiliario do noso concello», denuncia, Antonio González Fiuza. O voceiro salienta que esta «deplorable situación» foi causada pola «total falta de planificación» do alcalde, que é o responsable último de xestionar a contratación do persoal necesario para por en funcionamento «en tempo e forma» estas brigadas «todos os anos».
«En 2022 e coa tempada de alto risco de incendio xa iniciada non fixo nada ata o 8 de xullo, cando foi publicada a convocatoria de selección deste persoal nos cauces oficiais», destapa Fiuza antes de sinalar que, un mes despois, «ten que deixar sen efecto esa convocatoria e desmantelar toda a cuadrilla que estaba a seleccionar porque non atopa xefe de brigada, un posto imprescindible para a súa posta en funcionamento». «É absolutamente imprudente por parte do goberno local que estamos sen persoal de loita contra incendios a mediados de agosto con lumes acosando á provincia día e noite desde os catro puntos cardinais», asevera o voceiro.
Debido a esta falta de dilixencia, quedaron, a lo menos, oito postos de traballo sen cubrir: un xefe de brigada; un peon condutor; tres peóns de brigada e outros tres postos da motobomba, que poderían ter sido seis, mais o goberno local do PP tampouco atopou persoal dabondo para a motobomba
Desde a agrupación socialista insisten en que «o atraso na convocatoria para a contratación deste persoal está a causar prexuízos irreparables para o municipio e tamén para oito familias que contaban con traballar durante varios meses e agora non traballarán nin un só día». «Esta esperpéntica e perigosa situación sucede por ser un dos últimos concellos de Galicia en comezar o proceso selectivo das brigadas municipais contra os incendios», denuncia González Fiuza.
A situación provocada polo goberno local provoca que, no caso de producirse lumes no municipio, teñan que acudir traballadores e traballadoras doutros concellos para comezar a sofocalos, o que suporá un considerable atraso en atallar estas emerxencias. Ademais, tampouco se poden levar a cabo labores de prevención moi necesarias. «Temos un municipio abandonado a súa sorte en pleno risco alto de incendio, pola total ausencia de eficiencia no traballo e de falta de previsión do goberno presidido por Manuel Seoane», conclúen desde o grupo do PSdeG-PSOE.