Os axentes da Policía Local que realizaban os traballos de control de acceso á Casa do Concello identificaron onte, xoves, 28 de xullo, ás 12:40 horas, a un veciño da cidade que “de forma encuberta” estaba a realizar fotografías ao edificio municipal desde a rúa da Barreira “xustamente na porta de acceso ao departamento de Reprografía, así como desde a outra porta da rúa Barreira que dá entrada ás oficinas interiores e ao resto dos departamentos municipais, con clara intención de captar o interior das dependencias municipais”, ás que non está permitido o acceso, segundo explican no seu informe os axentes.
Cando os policías se lle achegaron, a persoa que realizaba as fotografías gardou rapidamente o terminal telefónico no seu peto. Tras ser identificado, negouse a dar explicacións do uso que lle quería dar ás fotografías, polo que os axentes o informaron das responsabilidades en que podería incorrer no caso de dar un uso ilícito ás imaxes captadas. O Concello resérvase a posibilidade de emprender accións legais, de ser o caso. Neste senso, a Concellería de Seguridade Cidadá advirte que a identidade se corresponde coa dunha persoa que está a ser investigada polo seu comportamento, ante diversas situacións recentes, e ante a presencia tamén de efectivos da Policía Nacional, polo que se lles porá en coñecemento destes feitos para o que consideren oportuno.