As alcaldesas de Bande, Sandra Quintas (PP), e Rariz de Veiga, Asunción Morgade (PSOE), e o alcalde de Verea, José Antonio Pérez (BNG), recibiron esta semana sendas cartas da plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova alertando da preocupación veciñal nos tres concellos, a raíz das informacións que indican que desde as respectivas alcaldías se está a promover un proxecto de instalación dunha fábrica de hidróxeno e un ou varios polígonos de macroaeroxeradores nos montes lindeiros, e solicitando detalles básicos sobre un plan que parece inverosímil desde o punto de vista ambiental (pero, tamén, empresarial).
Malia que o proxecto é disparatado, desde as alcaldías se estiveron a promover reunións de comunidades de montes cun presunto promotor (o tal Otero) ao que a plataforma xa ten identificado como intermediario na procura de tallada noutros proxectos eólicos finalmente paralizados pola Administración. Malia que tampouco o interlocutor é fiábel, tanto a alcaldesa socialista de Rairiz como o alcalde nacionalista de Verea teñen alentado o seu negocio, nunha carreira tola por chantar aeroxeradores a prezo que sexa en espazos de protección ambiental (incluída a máxima protección: Rede Natura) ou áreas nas que xa foron desbotados polo seu impacto ambiental outros proxectos de macroparques (Monte Grande e Monte da Neve).
Entre as cuestións que se expoñen ao rexedores e para as que se solicita resposta, están as seguintes:
– Que empresa promove o proxecto de fábrica de hidróxeno e cal é a empresa que promovería os polígonos eólicos asociados?
– Recibiu vostede, como alcaldesa ou alcalde, algún documento por parte da empresa ou empresas con indicacións sobre as características das infraestruturas proxectadas?
– Existe un proxecto para a instalación dunha planta de hidróxeno e un proxecto para a instalación dun ou varios polígonos eólicos asociados ou independentes desa fábrica?
– Quen lle trasladou a vostede o interese desta empresa ou empresas?
– Que lugares quedarían afectados polas instalacións da planta de hidróxeno e que información recibiu, no referente aos impactos sobre as augas para o abastecemento humano?
– Recibiu vostede a información sobre onde sacarían a auga para producir o hidroxeno? Precisou o informante ou promotor se sería auga en superficie ou da capa freática? Como se vería afectado, en concreto, o río Ourille?
– Que accións de información á veciñanza en xeral ten pensado desenvolver o goberno local sobre os proxectos que se lle expuxeron aos comuneiros?
Despois de ter rexistradas as cartas, Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova espera unha resposta dos alcaldes interpelados á maior brevidade posíbel, e manterá accións de información nas aldeas baixo esta nova ameaza eólica sobre as nosas comarcas.