O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, e a secretaria confederal de Saúde Laboral, Julia González, compareceron onte en rolda de prensa para denunciar a situación de emerxencia social na que queda unha traballadora como consecuencia das prácticas das mutuas despois de que se retirase a prestación por non ter podido presentarse a unha revisión médica.
Pérez Carballo asegurou que o que está a acontecer con esta traballadora migrante cunha filla menor ao seu cargo “evidencia” o comportamento “nocivo e perigoso” das mutuas coa clase traballadora e a “insensibilidade e deshumanización” do sistema xudicial. “O que lle pasa ten amparo legal, pero é absolutamente inxusto”, sinalou.
O responsábel sindical explicou que a traballadora, que leva 25 anos aquí e é afiliada do sindicato, desenvolvía o seu labor no sector da hostalaría até que en agosto de 2023 quedou de baixa médica por unha lesión no ombreiro. “Entón comeza a ser citada constantemente pola mutua MC Mutual para intentar darlle a alta no menor tempo posíbel”.
A afectada acude a todas as citas, pero varios meses despois padece outro problema de saúde e adminístranlle unha medicación “que a obriga a permanecer encamada”. Entón é citada novamente pola mutua este mesmo ano, pero esquécese como consecuencia do seu estado. “Pois ben, a mutua non tarde nin 48 horas en comunicarlle que lle retira a prestación económica”.
De xeito que a traballadora segue de baixa, pero sen prestación dende febreiro. “Curiosamente, dende que lle retiraron a prestación a mutua non a volveu chamar para interesarse pola súa situación de baixa, o que demostra cal é o verdadeiro interese que teñen estas entidades e o pouco que lles importa a saúde das persoas”. Entón traballadoras recorre a decisión con axuda dos servizos xurídicos da CIG, “atopándonos coa deshumanización e insensibilidade do sistema xudicial, que nun acto absolutamente desproporcionado mantén o criterio de retirarlle a prestación sine die por terse esquecido unha única vez de acudir a unha revisión en todos os meses de baixa”.
Posteriormente a traballadora vese na obriga de volver a traballar porque necesita ingresos para manterse ela e a súa filla menor, pero o INSS prorrógalle a baixa porque non está en condicións. “Agora atópase nese labirinto sen saída que é non poder traballar e non ter prestación por non acudir un día a unha revisión médica”.
A consecuencia é que a afectada se atopa nun caso de “extrema necesidade”, xa que como consta que está dada de alta a xornada completa nunha empresa as administracións denéganlle todo tipo de axuda pública (mínimo vital, RISGA, etc). Polo que a CIG-Ourense decidiu activar “mecanismos solidarios” para que poida manter “unha vida digna”.
Mais unha vez garantida a axuda a esta traballadora é necesario tamén “cambiar a norma, porque é inxusta”. De xeito que a central sindical proporá na comisión executiva provincial do INSS en Ourense unha modificación lexislativa para que haxa unha proporcionalidade entre o motivo dunha sanción e a sanción en si. “Non pode ser que unha persoa estea sen cobrar un ano por un fallo ou por un simple despiste”.