Persoal da Administración protesta en Ourense pola recuperación dos dereitos laborais

Protesta delante do Goberno Civil
Protesta delante do Goberno Civil

Persoas traballadoras da Administración pública participaron hoxe nunha nova concentración convocada pola CIG diante da Subdelegación en Ourense en demanda de medidas que garantan a recuperación de dereitos laborais e salariais do persoal empregado público, que nos últimos 15 anos perdeu máis do 20% do seu poder adquisitivo. A central sindical desenvolverá unha nova protesta o vindeiro xoves en Lugo e convocará máis mobilizacións se o Goberno non convoca a Mesa Xeral das Administracións Públicas para negociar.

Estas accións reivindicativas, que coinciden coa negociación dos Orzamentos Xerais do Estado, comezaron o pasado xoves 27 de febreiro diante da Delegación do Goberno na Coruña e continuaron primeiro en Pontevedra e agora en Ourense; mentres que o vindeiro xoves 20 haberá concentración na Subdelegación de Lugo. 

A partir desa data a CIG-Administración convocará novas mobilizacións no caso de que o Goberno non convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas para abordar unha serie de propostas como o incremento de soldos do 5% para este ano, a incorporación cláusulas de garantía salarial e a xornada laboral de 35 horas semanais.

O secretario nacional da federación, Luis Carballo, lembra que os acordos asinados por CCOO, UGT e CSIF nos últimos anos nas administracións públicas contribuíron a esta importante perda de poder adquisitivo, e moitas persoas traballadoras públicas só viron aumentadas as súas retribucións porque os seus salarios subiron coa alza do SMI. “O Goberno do Estado permite que o seu persoal cobre as retribucións mínimas, o que demostra o empobrecemento ao que está chegando o persoal ao servizo das administracións públicas”, sostén. 

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2020-2024) -engade Carballo- non só afondou nesta perda, “senón que tamén fracasou na súa implementación, ao non derrogar a lexislación que impuxo recortes na Administración pública, como os Reais Decretos-Lei 8/2010, 20/2011 e 20/2012, que foron as nosas reformas laborais, e non conseguiu tampouco avanzar en dereitos”.

Reverter o empobrecemento

Por iso, no momento no que se están a negociar os Orzamentos do Estado, a CIG reclámalle ao Goberno que convoque a Mesa Xeral das Administracións Públicas para negociar e aplicar de inmediato unha seria de medidas que revertan esta situación de empobrecemento. “As propostas que temos son asumíbeis e factíbeis se hai vontade política” , afirma o responsábel sindical.

De cara a garantir a recuperación do poder adquisitivo, xunto a un incremento adicional do 5% para 2025, a CIG demanda a introdución dunha cláusula de garantía salarial que vincule a suba dos salarios ao IPC, que esta cláusula estea protexida por lei e que se aplique ao conxunto do persoal. Ademais propón negociar acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación das retribucións, e que esta negociación se faga “na mesa xeral do persoal empregado público, con transparencia e sen sometemento ás centrais sindicais estatais”.

Xubilación parcial

Xunto ás cuestións económicas, a CIG-Administración defende o estabelecemento real da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026. “Tamén defendemos a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo para adaptarnos á realidade actual e garantir o emprego público”.

No relativo á xubilación, Carballo critica as tentativas do Goberno de eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria até os 72 anos. No camiño contrario -salientou-, “defendemos a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e un aumento dos haberes reguladores de clases pasivas para equiparar os réximes”.

A federación da CIG tamén propón crear un ámbito de negociación específico para Galiza “que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo. Queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos”, remata.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad