
Patricia Domínguez Barja formalizou esta mañá a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE de Ourense presentando unha parte dos avais recollidos durante os últimos días, ata completar os esixidos. Superou amplamente os 400, se ben so se contabilizaron os 207 primeiros, pois era o mínimo.
Entre os avais recollidos atópanse o da maior parte dos alcaldes e alcaldesas da provincia, así como portavoces municipais e persoas que formaron parte dos gobernos socialistas da cidade de Ourense, así como dos gobernos de Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero. Pero, sobre todo, por militantes de base de practicamente todas as agrupacións da provincia, en algunha delas de forma masiva.
Agora, en canto a proclamación de candidaturas sexa definitiva, comezará a campaña de primarias. Patricia Domínguez espera que este proceso interno sirva para cortar a sangría de votos que o partido está a padecer en Ourense (especialmente na cidade, onde hoxe somos cuarta forza), como reflicte o resultado das últimas eleccións autonómicas, cando o PSdeG-PSOE obtivo un só deputado autonómico que contrasta cos 4 das eleccións de 2005 ou os 5 de 2009.
A súa candidatura, segundo explicou hoxe, pretende ser unha aposta pola renovación e, sobre todo, pola reacción fronte a uns resultados manifestamente mellorables. “Non estamos tan mal se previamente nos convencemos de que temos que empezar a facer as cousas doutra maneira. Pero estaremos moito peor se o que decidimos é seguir igual. Dende logo, a miña candidatura busca o primeiro: renovar, reaccionar e repensalo todo, especialmente nas localidades nas que non gobernamos, co obxectivo de recuperar o nivel de apoio electoral que no seu día fixo de Ourense unha provincia clave para que Touriño fora presidente da Xunta e que tamén proporcionou as maiorías necesarias para gobernar a cidade en diferentes momentos.
Domínguez Barja, que sería a primera secretaria provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, agradeceu todos os avais recibidos, especialmente os dos militantes de base, pero tamén os dos alcaldes e alcaldesas, que son os que manteñen a fortaleza e a esperanza de reacción deste partido na provincia.
Tamén felicitou a Álvaro Vila pola súa proclamación como candidato, esperando que a campaña que comezará en breve estea rexida polo compromiso ético, a defensa de dos principios fronte aos intereses particulares e a honestidade, pero sen esquecer que o que se diga e discuta nas sedes será un traballo incompleto se finalmente “non somos capaces de trasladar ilusión, compromiso, credibilidade, integridade, confianza e verdade” ás mulleres e homes que nos teñen que votar.