
O Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia reafirma o seu compromiso co fortalecemento do sector e celebra o diálogo aberto e construtivo mantido co director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Esta xuntanza, de carácter cordial, serviu para aclarar os malentendidos xurdidos en reunións previas e sentar as bases dunha cooperación máis estreita entre todas as partes implicadas.
Na reunión, analizáronse diversas cuestións relacionadas coa produción da pataca certificada e estudáronse novas oportunidades dentro do mercado. Ademais, avaliáronse as posibles liñas de actuación para potenciar o consumo deste produto agroalimentario amparado baixo un selo de calidade diferenciada.
Desde a IXP Pataca de Galicia agradecemos a total disposición da Consellería do Medio Rural para seguir apoiando a calidade diferenciada da nosa pataca e impulsar accións concretas que beneficien tanto ao sector produtor como aos operadores. Consideramos que a cooperación e o traballo conxunto entre administracións e representantes do sector son esenciais para garantir un futuro sólido e competitivo para a pataca galega.
O Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia continúa co seu labor de supervisión, control e garantía da calidade da pataca certificada, asegurando que os intereses de todos os produtores e operadores do sector sexan escoitados e tidos en conta en cada paso do proceso. Reafirmamos o noso compromiso co diálogo aberto e construtivo como ferramenta clave para afrontar os retos e oportunidades do sector.