Ourense acolle as primeiras xuntanzas da Xunta sobre economía circular e gandaría sostible

Vacas pastando en un prado
Vacas pastando en un prado

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, o secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantiveron hoxe unha reunión con alcaldes da comarca da Limia sobre o proxecto de economía circular cara unha gandaría sostible. No encontro, que tivo lugar na Delegación territorial, participaron por parte municipal os rexedores de Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Trasmiras, Sandiás, Sarreaus, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, Rairiz de Veiga e A Porqueira.

Esta xuntanza, que tivo lugar na Delegación territorial da Xunta en Ourense, é a primeira da rolda de contactos programados polo Goberno galego con alcaldes e outros representantes municipais, asociacións profesionais agrarias, cooperativas, entidades sectoriais, distribución e industrias agroalimentarias, previa á declaración de zonas vulnerables a nitratos por parte da Consellería do Medio Rural. Desde que se faga efectiva dita declaración, as explotacións deben adaptarse a normativas máis estritas desde o punto de vista ambiental.

A declaración, que suporá a identificación de determinadas áreas de concentración de nitratos nas augas, corresponde á Xunta en función do establecido na normativa europea e nacional. Deste xeito, avánzase no proxecto de economía circular impulsado polo Goberno galego, en colaboración co sector agroalimentario, e destinado a xestionar o excedente das dexeccións gandeiras que non se utiliza como fertilizante nos solos. 

Polo tanto, a Xunta está traballando para cumprir coas súas obrigas, establecidas na normativa comunitaria e na estatal, máis concretamente no Real Decreto 47/2022, de 18 de enero, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias. Consonte este Real Decreto, o Goberno galego declarará as zonas vulnerables dentro do seu prazo, que remata este ano. Unha vez declaradas estas zonas, tomaranse as medidas correspondentes, de acordo cunha estratexia de economía circular.

A finalidade destes encontros de traballo, que se manterán ata mediados de marzo, é propiciar a cooperación público-privada para aproveitar a oportunidade de mudar o actual modelo de produción gandeira cara un máis ecolóxico e viable social, económica e ambientalmente. 

Plan de acción da Xunta

O plan de acción deseñado pola Xunta céntrase en implantar unha estratexia de economía circular baseada na sostibilidade e a innovación. Pivotará sobre dous eixos fundamentais; por un lado, a transformación dos residuos en recursos sustentables e de valor, coa proposta de creación de plantas de tratamento das dexeccións gandeiras. Por outra banda, creando unha certificación de gandaría galega sostible, un selo que distinguirá as explotacións que adopten prácticas máis sustentables de cara o futuro na xestión de residuos, tal e como está contemplado na Lei da calidade alimentaria de Galicia.

O obxectivo último de todas estas iniciativas non é outro que valorizar as producións agroalimentarias galegas, mellorando a súa comercialización mediante o engadido de valor ao produto; facilitando o acceso a financiamento, con mellores condicións de crédito, baixo criterios de sustentabilidade; e fortalecendo a imaxe do sector e da súa práctica.

Os obxectivos de futuro pasan pola implementación de prácticas máis responsables, a protección do ambiente e a xestión eficiente dos residuos, co fin de consolidar a  Galicia como referente e sen perda da competitividade. Trátase de mellorar a calidade das augas e dos solos da comunidade autónoma; reducir a pegada de carbono, co uso de enerxías renovables; garantir a sustentabilidade dos ecosistemas agrarios; demostrar que é un modelo compatible coa rendibilidade e fortalecer e engadir valor aos produtos locais do sector primario. 

Por medio desta iniciativa tamén se procura cumprir coas normativas e estándares europeos, converter Galicia nun exemplo de economía circular e apostar por un sector agrogandeiro moderno, á vangarda da sustentabilidade, da innovación e das tecnoloxías limpas.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad