
O PSdeG-PSOE de Xinzo informa da subida da taxa do recibo do lixo neste 2025, que pasa dos 59,57 euros a 79,93 nas vivendas. As e os socialistas solicítanlle ao alcalde, Amador Díaz, que proceda a realizar un bando informativo para indicarlle á veciñanza como poden solicitar a redución da taxa nun 30%, se fan compostaxe particular ou comunitaria, tal e como se recolle na nova ordenanza aprobada pola Deputación de Ourense no mes de outubro de 2024.
Dende o grupo municipal socialista explican que esta redución do 30% “vén motivada pola compostaxe, tanto particular como comunitaria, ao que se pode engadir un 10% adicional de rebaixa en caso de facer dúas entregas no punto limpo habilitado no parque empresarial”. Tal e como indican dende o PSOE de Xinzo “tamén existe unha redución para establecementos e locais comerciais, no caso de que empreguen os contedores colectivos segundo o tipo de actividades que realicen e a superficie dos inmobles”.
“A veciñanza de Xinzo de Limia descoñece estas reducións e os dereitos que teñen a solicitalas e cuxo prazo remata o día 1 de marzo”, afirma a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández. A edil socialista subliña que nin ao alcalde, nin a ningún concelleiro do grupo de goberno “lle preocupa moito a subida do recibo que si que van ter que pagar este ano os veciños e as veciñas de Xinzo”.
Ante este descoñecemento por parte da veciñanza, dende o PSOE de Xinzo pídenlle ao goberno municipal que “proceda a informar a través dun bando sobre todas as bonificacións dispoñibles, sobre a subida da taxa e todos os requirimentos que deben presentar os veciños e as veciñas para poder optar a redución da taxa do lixo”. Neste senso o grupo municipal vén de rexistrar un escrito solicitando que “se faga divulgación mediante bandos colocados tanto na vila como en tódolos núcleos de poboación do concello, de forma que, quen estea interesado ou interesada, poida solicitalo na sede electrónica da Deputación antes de que remate o prazo para facelo o 1 de marzo”, apunta Lama Fernández.
Tamén solicitan que se poida facer presencialmente nas dependencias do concello para aquelas persoas que así o demanden, facilitándolle os tramites administrativos.
A cota de vivendas queda establecida en 79,93 euros, podendo aplicarse unha serie de reducións sobre a cota tributaria en determinados supostos:
1.-Reducción por realización de compostaxe: as vivendas que realicen compostaxe domestica de maneira adecuada, ou no seu caso, estean adheridos a un programa de compostaxe comunitaria, terán dereito a una redución do 30% da cota.
2.-Reducción por deposito de residuos en punto limpo: A cota tributaria reducirase un 10% para as vivendas cuxos suxeitos pasivos que realicen polo menos dúas entregas nun punto limpo/fixo ou móbil durante o exercicio anterior. Os veciños e as veciñas poderán solicitar a redución mediante a acreditación documental, presentando xustificante emitidos polo punto limpo que especifiquen datas e tipo de residuos depositados.