As asembleas de traballadoras/es das residencias da terceira idade privadas convocadas pola CIG acordaron mobilizacións nas sete comarcas de Galicia para esixir un convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais, logo dunha proposta da patronal que consideran insuficiente. A primeira protesta será este martes, 5 de novembro, en Pontevedra.
Dende a CIG-Servizos denuncian que o persoal do sector leva sufrindo unha importante perda de poder adquisitivo, que se sitúa nun 7,8% dende a firma do anterior convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT. Ademais, a suba do SMI realizada polo Goberno central neste período foi do 24,4%, o que provocou que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI, situándose moitas só 10 euros por enriba en 2024. “Os salarios están empobrecéndose de forma brutal, mentres os beneficios das grandes empresas do sector superan os 1664 millóns de euros anuais”, denuncian.
As traballadoras/es rexeitan a proposta da patronal, que consideran un agravamento da súa situación. Critican tamén o “silencio cómplice” da Xunta, á que acusan de apoiar un modelo de coidados explotador que beneficia só ás empresas. As asembleas expresaron o seu “non rotundo” á proposta empresarial e reivindican unhas condicións de traballo dignas.
Calendario de mobilizacións:
- 5 de novembro, Pontevedra: Residencia DomusVi (rúa Loureiro Crespo, 25) ás 11:30 h.
- 13 de novembro, Lugo: Residencia DomusVi, Outeiro de Rei ás 12:00 h.
- 20 de novembro, Ferrol: Residencia DomusVi (Avda. de Esteiro 49-51) ás 11:00 h.
- 27 de novembro, Santiago.
- 4 de decembro, A Coruña: Residencia de Arteixo.
- 11 de decembro, Vigo.
- 18 de decembro, Ourense.