Na Xunta de Área de Urbanismo e Infraestruturas que tivo lugar no día de hoxe no Concello de Ourense, a preguntas das edís socialistas, dende o executivo municipal confirmaron que a situación da construción do novo Edificio Administrativo da Xunta de Galicia no barrio das Lagoas é de parálise. «Dende o goberno afirman non ter novas ao respecto logo do anuncio de Alfonso Rueda, a mediados de 2024, do uso da lei exprés para a súa execución. O que si teñen é coñecemento da existencia de problemas co proxecto entre os representantes da Xunta de Compensación e o goberno autonómico», expón a voceira do PSdeG, Natalia González.
Outro dos asuntos abordados foi o novo hotel balneario, incluido no Plan de Turismo Termal de Galicia que foi presentado a pasada semana en na cidade polo presidente da Xunta. «Dende o Concello afirman non ter coñecemento nin do posible proxecto nin de posibles emprazamentos para a súa construción», explica a tamén secretaria xeral do PSOE en Ourense.
No que atinxe ao remate das obras da Senda que cruzará o barrio da Ponte ata Mariñamansa, tamén confirmaron as edís do grupo socialista que o goberno galego está a executar as obras «sen ter en conta as eivas e necesidades propostas polos técnicos municipais ao respecto» e que «do proxecto inicial ao definitivo hai unha diferenza substancial que convertirá este investimento nunha oportunidade perdida máis para a veciñanza», resume a portavoz.
Preguntaron, ademais, as socialistas sobre a situación do proxecto de construción do novo CIS Nóvoa Santos, que inicialmente se rexeitou por parte dos técnicos municipais ao non cumprir co plan urbanístico en vigor, de 1986, e presentar eivas en materia de accesibilidade ao mesmo. «A Xunta, pola súa conta e risco, decidiu aplicar a lei apelando ao interese público e o executivo local confirma que deriva directamente a eles as reclamacións, poñéndose totalmente de perfil», critica a socalista.
No relativo ao protocolo entre a Administración autonómica e a municipal para o desbloqueo das obras da Praza de Abastos núm. 1 de Ourense, na Xunta de Área espcificouse que houbo unha primeira reunión para a designación dun técnico por parte da Xunta e do Concello para a elaboración dun plan funcional consensuado no prazo de un mes. «Sostiveron que, a posteriori, se remitirá aos praceiros e praceiras para que poidan facer alegacións ou melloras co obxectivo de pechar o documento definitivo», resume González ao respecto.
«O que si confirmamos, tal e como manifestou o concelleiro de Urbanismo, é a dilixencia do executivo de Alfonso Rueda de cara á aprobación do novo PXOM, neste 2025, e a inminente aprobación no Consello da Xunta da declaración da Área Rexurbe no Concello de Ourense, algo que levamos demandando de maneira insistente dende o grupo municipal socialista nos últimos anos», lembra a voceira do PSdeG.
Con todo, as e os socialistas lamentan o obstrucionismo que aínda a día de hoxe practica o goberno de Gonzalo Pérez Jácome en canto ao acceso á documentación completa do expediente da recepción das obras realizadas na Piscina Termal das Burgas, despois de coñecer públicamente que continuará pechada neste 2025 «pola incompetencia total e absoluta do actual executivo local».