
Os socialistas celebran a entrada en vigor esta mesma semana das bonificacións das peaxes da autopista AP-53 que une Santiago de Compostela con Ourense. As e os socialistas sinalan que estas bonificacións «permitirán un aforro de 315 euros ao mes aos vehículos lixeiros que empreguen a diario a infraestrutura e de 420 euros aos pesados».
O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, vén de aprobar o Real Decreto coas bonificacións nas peaxes da AP-9. E que se comezarán a aplicar esta mesma semana, xa que entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE e estarán vixentes ata a fin da concesión, en novembro de 2074.
O senador, Rafael Rodríguez Villarino, e a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, afirman que «estamos ante unha medida histórica da que se beneficiarán milleiros de ourensás e ourensáns que circulan a diario por esta autopista». Neste senso, a e o representante socialista en Madrid subliñan que «esta medida supón un antes e un despois para a cidadanía da provincia, que verá corrixida a discriminación con respecto a Galicia Atlántica, que xa desfrutaba destas bonificacións na AP-9».
Rafa Villarino e Marga Martín destacan que para a aplicación das bonificacións «o Goberno destinará un orzamento de 14,3 millóns de euros que financiarán todos os decontos da AP-53 en 2025, 2026 e 2027». Unha cifra, que ademais, se elevará aos 885 millóns de euros ata o final da concesión da autopista no ano 2074. A deputada e o senador apuntan a que «namentres o PP optou sempre pola privatización das autoestradas e a prórroga das concesións das mesmas, temos un PSOE que pensa nas persoas e que busca abaratarlles os custes nos desprazamentos diarios entre Ourense e a capital de Galicia».
Estas bonificacións continúan coa liña de axuda social que caracteriza ao actual Goberno socialista. Neste senso o PSdeG-PSOE de Ourense sinala que «na provincia deberíamos ser particularmente conscientes da labor social do Goberno, pois é un Goberno socialista o que axuda aos petos da veciñanza coas bonificacións, como foi un goberno socialista na Xunta, o de Emilio Pérez Touriño, o que fixo gratuíto o tramo da AP-53 entre Dozón e Ourense, transformándoa na AG-53». Lembran tamén que foi o goberno do PP con Aznar, o que privatizou a autopista asignándolle unha concesión de 23 anos, e logo coa «complicidade» de Alberto Núñez Feijóo estendérona a 75 anos.
As bonificacións a vehículos lixeiros, sempre que empreguen como sistema o pago da telepeaxe e cumpran unha serie de condicións de recorrencia, estarán enfocadas de tal forma que os traxectos de volta que se realicen nun prazo máximo de 24 horas, gozarán dunha bonificación dun 100%, que se aplicará todos os días da semana, incluíndo os festivos e sempre que o percorrido de volta sexa igual ao da ida. Ademais o Real Decreto que se aprobará no Consello de Ministros tamén terá en conta a recorrencia extraordinaria. «Deste xeito os usuarios que realicen polo menos vinte desprazamentos ao mes pola autopista, gozarán dunha bonificación adicional do 50% do importe pagado de tódolos percorridos realizados nese mes», apuntan Villarino e Martín.
As bonificacións tamén afectarán aos vehículos pesados de tipo 1 e 2 cun desconto do 50% do importe da peaxe en tódolos percorridos sen condicións. Ademais aplicarase sen ningún tipo de condicións, xa que están dispoñibles tódolos días da semana e para calquera sistema de pago da peaxe. O desconto realizarase de forma automático no momento do pago na cabina, tanto se se abona en efectivo, como con tarxeta ou telepeaxe.