Os socialistas denuncian vulneración de dereitos laborais no servizo de axuda no fogar en Vilar de Barrio

PSdeG PSOE
Sede del PSOE en Ourense

O PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio insta ao alcalde, Manuel Conde, a que cumpra co requirimento da inspección de traballo en relación ao persoal do servizo de axuda no fogar. Os e as socialistas afirman que o goberno municipal «debe respectar os dereitos das traballadoras e dos traballadores, abonarlles o que lles corresponde por lei e non imporlle o período de vacacións, como vén facendo durante este mandato».

Dende o grupo municipal socialista explican que as traballadoras e os traballadores da axuda no fogar formularon unha denuncia ante a inspección de traballo «motivada polo incumprimento reiterado dos seus dereitos laborais». Tal e como explican dende o PSOE de Vilar de Barrio, as traballadoras e os traballadores esixían «o pago dos trienios por antigüidade, o pago da quilometraxe polo uso do vehículo particular para os desprazamentos a realizar o seu traballo aos diferentes domicilios, o abono dos pluses por traballar domingos e festivos e que non se lles impuxese un período de vacacións por parte da alcaldía».

O pasado 30 de decembro inspección de traballo requiriulle ao concello que nun prazo de 60 días «procedese a abonar os complementos de antigüidade, a pagar os desprazamentos do persoal do servizo de axuda no fogar aos seus domicilios e a creación dun cadrante de vacacións, no que non se impoña este período as traballadoras e traballadores», explican dende o PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Vilar de Barrio afirma que «levamos dende 2019 reclamando e defendendo que o concello asine un convenio para solucionar a problemática que viven as traballadoras e traballadores de axuda no fogar». Tal e como apunta «ata o de agora e a pesar de presentar numerosas iniciativas e defender os dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores, o alcalde non puxo solución algunha». Neste senso, o edil socialista confía que ante o requirimento da inspección de traballo «o alcalde cumpra dunha vez por todas e respecte os dereitos do persoal».

Os concelleiros socialistas tamén destacan que «estes dereitos que reclamamos para as traballadoras e os traballadores da axuda no fogar, facémolo extensible ao resto de traballadores municipais, que deben cobrar os seus trienios e que se lles recoñeza a súa antigüidade tal e como especifica a lei». Os edís socialistas afirman que «dende o PSOE de Vilar de Barrio seguiremos defendendo os dereitos dos traballadores, como levamos feito dende fai anos e apoiaremos e estaremos sempre a carón do persoal».

Dende o PSOE agardan que na mesa de negociación convocada para mañá «se chegue a un acordo definitivo e se poña solución a esta problemática». Os e as socialistas consideran que «o alcalde debe rematar coas escusas de mal pagador e abonar os trienios, a quilometraxe, as horas extras e non impor o período de vacacións» e recrimínanlle a súa actitude de «negarse a chamarlle convenio a esta negociación e de intentar recortar os dereitos das traballadoras».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad