A pasada semana, Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, manifestaba a súa intención de suprimir as roldas de prensa e substituilas por roldas informativas, sen preguntas, nunha canle privada e con participación a través dunha plataforma de mensaxería na que se poden deixar comentarios, respondendo el aos que considere máis axeitados, o que dende o grupo municipal socialista entenden que parece apropiado para un «streamer», pero non para un cargo electo.
«Sabemos que só é un intento de mellorar o seu posicionamento en redes sociais, algo estancadas nos últimos meses, empregando o populismo e a demagoxia, que en catidade de `likes’ funciona moi ben, pero Gonzalo Pérez Jácome é o alcalde de Ourense, e iso debería de primar sobre a súa faceta como empresario e propietario dunha sinal de televisión», subliñaron as socialistas.
Entenden dende o PSdeG que a liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación son piares da democracia moderna e facilitadores dun debate libre e aberto, garanten o fluxo de información e desempeñan un papel clave á hora de esixir responsabilidades ao poder e fiscalizar o seu labor.
«Actualmente os medios de comunicación, o exercicio do periodismo e da comunicación están a ser obxecto dun escrutinio público crítico e escéptico. Os bulos e a desinformación constitúen unha das maiores preocupacións dos países democráticos e detrás deles artéllanse, en numerosas ocasións, estratexias para manipular a opinión pública e erosionar a estabilidade das institucións. Divulgar intencionalmente información sesgada ou parcial co obxectivo de influir na opinión pública e ocultar a verdade representa unha ameaza para a liberdade e a democracia», recolle o texto rexistrado que se debatirá no pleno ordinario de decembro.
Insisten as socialistas en que Gonzalo Pérez Jácome é, ademais do rexedor da terceira cidade de Galicia, un «prestador» de servizos de comunicación audiovisual e, lonxe de primar o primeiro, vulnera coas súas decisións as obrigas legais do seu cargo, primando o rédito persoal, o incremento do tráfico nas súas redes sociais e a monetización, aínda que non económica, si con fins partidistas, da súa canle de YouTube.
Defenden dende o grupo municipal socialista que os cargos públicos que empregan os seus poderes, atribuídos democráticamente, para a realización de fins distintos aos encomendados perden a súa lexitimidade. «Neste caso, a decisión do alcalde de substituir as roldas de prensa por roldas informativas sen preguntas, vulnera os máis elementais principios éticos vencellados ao cargo que ocupa pero tamén os legais poñendo en perigo a institución que representa co único fin de obter un beneficio persoal», destacan sobre o proceder do rexedor.
A información fiable é imprescindible para una democracia sólida e, dende logo, non pode vir unidireccionalmente dunha das partes implicadas, porque non é información. Se é de parte, é subxectiva e é propaganda. A propia formación política que preside (aínda que sen cumprir os mínimos requisitos expresados na Lei Orgánica 6/2002, de 27 de xuño, de Partidos Políticos) presentou unha moción ao pleno do Concello, de data 1 de decembro do 2023, na que afirmaba tal e como se expón na iniciativa rexistrada: «E, por suposto, non poden ser os gobernos os que veñan a dicirnos que é verdade e que é mentira».
Ante esta situación, o grupo socialista do Concello de Ourense vén de presentar tamén unha queixa á Secretaría Xeral de Medios da Xunta, que é a competencia sobre o contido e as informacións que se emiten a través de Auria TV e na que se debe garantir o respecto ao DECRETO 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, lembran as socialistas que dentro das normas de uso da plataforma YouTube existe un apartado sobre a protección fronte á desinformación e calquera comunicación realizada por un partido político debe de estar claramente identificada como tal para proporcionar aos usuarios e ás usuarias da rede información sen inxerencias das autoridades públicas.
«Esta nova estratexia implica un ataque ao dereito á información e vulnera os principios máis elementais que calquera cargo público debe respectar. É comprarlle o marco, pero dende o PSdeG PSOE de Ourense, non imos consentir que se poñan en perigo os valores que sustentan o noso estado de Dereito e un deles é a liberdade de prensa e o dereito a información. No ano 2024 temos que lembrarlle a un representante público, ao Alcalde, que vivimos nunha democracia, e todas e todos, especialmente os que temos cargos públicos, debemos repectar os principios que a sustentan», remataron ás concelleiras.