O PSdeG-PSOE de San Cibrao das Viñas denuncia que o PP estende ao municipio a aceptación da privatización na xestión do centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense imposta pola Xunta. As e os socialistas denuncian que San Cibrao convértese da man de alcaldesa e demais edís populares, no primeiro concello ourensán que vota en contra da xestión directa e pública do CAPD no pleno municipal celebrado no día de onte.
Dende o grupo municipal socialista en San Cibrao recrimínalle ao PP a súa decisión, xa que tal e como apuntan «oponse ao votado o vinte de decembro na Deputación», cando os deputados e deputadas provinciais de todos os grupos políticos, incluíndo a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa, aprobaron por unanimidade unha moción de apoio á xestión pública e directa do CAPD de Ourense.
O voceiro do PSdeG-PSOE en San Cibrao das Viñas, Rafael Rodríguez Villarino, explica que as declaracións da rexedora, Marta Nóvoa, durante o debate da moción presentada polos socialistas, «son inadmisibles», xa que tal e como apunta «tildou de pobres, no senso de pobriñas, ás persoas con discapacidade polos coidados que precisan a causa do seu grao de dependencia». O edil socialista considera que «para situarse a carón das familias, hai que defender as solicitudes destas, e a empatía coas persoas con discapacidade debe xurdir da comprensión das limitacións e potencialidades do seu grao de dependencia e da solidariedade, en troques da superficialidade e dunha caridade caduca».
Dende o PSOE de San Cibrao das Viñas consideran que o voto en contra do PP local «replica o do PP no Parlamento de Galicia, e anticipa a postura deste partido na Deputación e no resto de concellos da provincia, acabando coa simulación de empatía popular coas familias que levan máis de oito anos loitando pola igualdade de trato para as súas fillas e fillos». Neste senso, as e os socialistas lembran que as nais e os pais das persoas con discapacidades «levan soportando dilacións constantes na construción do último CAPD de Galicia e tamén no relativo a xestión, que agora queda claro que non será pública e directa».
«Posta a elixir entre as solicitudes das familias e a posición privatizadora do goberno popular da Xunta, a alcaldesa de San Cibrao non tivo dúbidas, e contradixo a posición que defendera na Deputación», subliña Villarino. O voceiro do PSdeG-PSOE en San Cibrao considera que os argumentos empregados polo PP «están cheos de falacias e amosan a falla de escrúpulos total dun partido que atenta contra a imaxe pública de familias de persoas psicosocialmente vulnerables, mediante a filtración do delito execrable dunha persoa, que nin sequera é pai ou familiar de ningunha das persoas con discapacidade para as que se solicitan dereitos de coidado».
Para Rafael Rodríguez Villarino a razón obvia da privatización «son os intereses políticos e económicos dunha xestión externa cuxa fiscalización é menor no que atinxe a gastos ou contratación de persoal». Neste senso, finaliza afirmando que «esta filosofía política resulta acorde cos valores e principios do PP, segundo os que a responsabilidade dos problemas persoais recae nas familias que deben facerse cargo deles, e onde a caridade prima sobre a solidariedade e os dereitos».