
«O primeiro é formular un incidente de inexecución, ao tempo que o Concello se prepare para solicitar do Xulgado unha execución parcial para evitar a reposición ao estado inicial, recuperando a titularidade do espazo baixo a praza e procedendo a súa concesión mediante canon, para poder repercutir sobre o mesmo as eventuais indemnizacións e así evitar que sobre a Administración local pese unha hipoteca a longo prazo», comeza explicando a edil socialista no Concello de Ourense María Fernández.
Neste senso, lembra tamén que esta foi a solución pola que optou no seu día o executivo socialista e que «conseguiu salvar as edificacións da praza San Antonio e evitar indemnizacións millonarias».
«O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, debería pedirlle disculpas ao goberno municipal socialista e en particular á concelleira de Urbanismo naquel mandato, Áurea Soto, porque cun elevado custe político e persoal fixo o que había que facer, primando o interese público e salvando as vivendas construídas, legalizadas no ano 2007 e sobre as que pesaba unha sentenza de derrubo. Grazas a súa labor o Concello de Ourense aforrou diñeiro ás arcas públicas e o drama social do desaloxo das construcións», aclara sobre todo o que evitou a decisión.
Entenden as e os socialistas que dende xuño de 2024, ano no que o TSXG rexeitou o último recurso pendente sobre o conflito urbanístico e xudicial exposto, que se reiniciou pola solicitude de revisión de oficio por un particular das licenzas outorgadas no subsolo –toda vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decreta o seu carácter público e anula as licenzas do aparcadoiro, garaxes privados e locais de uso comercial e que foi apoiado políticamente por Democracia Orensana e o actual alcalde, Gonzalo Jácome– o goberno municipal tivo tempo para avaliar as posibles solucións, pero preferiu perdelo buscando culpables.
«Se non son quen de facer fronte as súas responsabilidades, sempre poden delegarnos as competencias en materia urbanística e xa nos ocupamos nós, como xa o fixemos», exhorta a edil e secretaria de Función Pública e Xustiza do PSdeG.
Así as cousas, as e os socialistas recoñecen que a solución non é sinxela e require de compromiso, traballo e implicación. Por un lado, recuperar os locais que mercou de boa fe a Seguridade Social pero nos que non se pode construir e polo que se debe indemnizar con case seis millóns de euros (a pesar de que o Concello, esquecendo as súas obrigas, ofreceulle un importe superior ao definitivamente decretado), así como recuperar a titularidade dos mesmos. Por outro, debe, no prazo de dous meses e baixo a imposición de multas, proceder ao cese da actividade no aparcadoiro e ao seu desaloxo, petición solicitada e estimada polo xulgado que agora o Concello debe executar.
Destaca así a socialista que dende o ano 2002, no que a praza de San Antonio se convirte dun dos problemas urbanísticos máis complexos do noso país, os executivos á fronte da Administración local, especialmente os socialistas dende o ano 2007, tentaron solventar a situación derivada daqueles anos de especulación inmobiliaria nos 90. «En ningún momento buscaron culpables, senón que empregaron todos os recursos ao seu alcance para atopar solución», incide.
E insisten as e os socialistas en que dende a entrada de Democracia Orensana a deixadez de funcións do goberno municipal, a súa ausencia de coñecementos en materia urbanística e primar nas súas decisións o beneficio político fronte ao interese da veciñanza, derivaron nunha nula defensa do interese público, neste asunto e noutros moitos.
Agora parece que a solución pasa por repetir o que a concelleira de Urbanismo fixo no seu día: solicitar a inexecuión da sentenza. «Ao grupo municipal socialista non nos sorprende porque ese é o camino que se debería ter seguido dende o primeiro pronunciamento do Contencioso. Pero nunca é tarde se se van adoptar as solución axeitadas. Por iso esiximos ao executivo, especialmente ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que recoñeza que estaba equivocado e que é moi fácil criticar sen coñecementos nin responsabilidades. Mais cando lle toca a el ve que a solución pasa polo obvio, intentar salvar o xa feito para evitar un dano irreparable. Non só porque suporía hipotecar ao Concello con indemnizacións, senón polo drama social que se podería ocasionar», remata contundente.