O PSdeG-PSOE de Lobios esixe solucións «urxentes» ante o «gravísimo» problema medio ambiental xerado polo mal funcionamento da EDAR de Lobios, que está vertendo directamente augas residuais e fecais ao río Limia no encoro de Lindoso. As e os socialistas alertan que esta é unha situación que se leva repetindo xa dende o 2021, sen que dende o concello fagan nada por buscar solucións a dita problemática.
Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a EDAR de Lobios, situada no lugar de Fondevila, «leva anos sen funcionar correctamente, producindo vertidos das augas fecais sen depurar e chegando a botar materiais sólidos como toallitas e papel hixiénico, que son depositados directamente no ecosistema da zona». Tal e como apuntan as e os socialistas «estamos ante un gravísimo problema medio ambiental, xa que estes vertidos afectan a unha zona como é o encoro de Lindoso, no que a xente practica a pesca e no que incluso hai zonas de baño». Relatan que «o fedor na zona é insoportable».
O voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, apunta a que esta situación «non é nova», xa que segundo sinala «é un tema recorrente, que xa foi denunciado no ano 2021, pero o concello segue facendo oídos xordos e a depuradora segue vertendo ao río Limia de forma incontrolada». Unha situación que provocou que en xullo de 2024, o concello tivese que abonar unha sanción de 3.243,19 euros polos danos causados ao dominio público hidráulico. Neste senso, o edil socialista, apunta a que «a pesar da sanción, a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, non buscou ningún tipo de solución e a depuradora segue contaminando e vertendo de forma totalmente descontrolada, polo que tememos que cheguen novas sancións por parte do organismo competente».
«Estamos falando de vertidos a un encoro e a un río na contorna e área de influencia dun parque natural e dunha reserva da biosfera transfronteiriza, unha situación que fai aínda máis grave este atentado medio ambiental», apunta Patrick Rodríguez. O líder das e dos socialistas de Lobios ten claro que a «inacción da señora Yáñez é un exemplo máis de que Lobios e a súa veciñanza lle importan ven pouco, ao igual que tampouco lle preocupa abonar multas por vertidos, porque os cartos saen do peto da veciñanza e non do seu patrimonio».
O PSdeG-PSOE de Lobios esixe «medidas urxentes» e o «arranxo da depuradora» para por fin a estes vertidos «descontrolados» e solucionar os «danos ao medio ambiente» causados polo «mal funcionamento» da EDAR que recolle as augas fecais e residuais da capitalidade do municipio. Neste senso esíxenlle a María del Carmen Yáñez e ao Partido Popular que «se poñan a traballar de xeito inmediato para rematar con esta contaminación do medio ambiente e solucionar esta gravísima situación que ten en xaque ao ecosistema da zona e ao río Limia».