A deputada provincial socialista Elvira Lama arremeteu contra a «hipocrisía» e o «desleixo do PP para cumprir coa palabra dada ás familias (de persoas con discapacidade)». Lama subliñou o «desprezo» do partido que goberna a corporación provincial cara «os representantes políticos que votaron unanimemente a xestión pública e directa do futuro Centro de Atención para Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense». Segundo esta, «o PP de Ourense actúa de boquilla e non ten ningún peso en Santiago, mentindo para tapar os intereses do seu partido».
O Grupo Socialista levou ao Pleno unha iniciativa para ratificar a moción subscrita o pasado 20 de decembro por todos os grupos a prol da «xestión pública e directa» do Centro de Atención para Persoas con Discapacidade (CAPD). Trala toma de posición unánime da corporación provincial, a conselleira Fabiola García anunciou a licitación da xestión do CAPD entre entidades sen ánimo de lucro, xustificando tal decisión os populares de Ourense. «Como lle explican ás familias este cambio en tan só un mes? Que mudou desde entón? Unha chamada á orde de Rueda?», inquiriu Lama ao presidente Menor.
«A licitación en marcha implica unha externalización na xestión inédita para este tipo de centros en Galicia, evidenciando a deslealdade do PP con Ourense, que protagoniza unha nova aldraxe á cidadanía da nosa provincia», denunciou a deputada da Limia. Para Lama, «tardan oito anos en construír un Centro e agora á Xunta éntranlle as presas para licitar a xestión indirecta, xustificándoo nunha suposta falta de persoal, mentíndolle á cidadanía e enganando ás familias, xa que só en Ourense hai 169 psicólogos e 246 traballadores sociais esperando para ser contratados».
«No pleno de decembro dicían empatizar coas familias e poñer á veciñanza da provincia por riba de calquera ideoloxía política. Que hipocrisía máis descomunal a súa!», laiouse Lama. «E logo válense de titulares de xornal para desprestixiar unha causa xusta e enganar aos ourensáns, cando o que fan é deixalos tirados», engadiu. «Non sei se lle poderán mirar á cara á xente que deixan tirada porque non están lexitimados para gobernar esta provincia ao mentir de xeito flagrante e non ser quen de aportar solucións aos problemas das familias de persoas con discapacidade», sentenciou a deputada socialista.
Salvagardar a saúde de veciñas e veciños
Os socialistas sacaron adiante unha moción para a adopción dunha estratexia «ampla e efectiva» por parte da Deputación para facer fronte aos riscos asociados ao gas radon en Ourense. «É un problema que por desgraza abunda moito na provincia e sobre o cal, malia algún programa iniciado pola Xunta de Galicia, non hai información nin concienciación, se ben ten consecuencias directas sobre a saúde das persoas, estimando que non podemos agardar máis e que a corporación provincial debe buscar solucións», estimou Aurentino Alonso, deputado do Grupo Provincial Socialista.
Segundo este, «os estudos confirman que na nosa provincia a presenza de chans graníticos e a concorrencia dun parque residencial antigo incrementa a concentración do radon no interior de vivendas e baixos». Dos 92 concellos que hai na provincia de Ourense máis de 60 presentan elevadas cantidades de gas radon. «A inhalación prolongada do gas radon asociase con problemas de saúde importantes, nomeadamente un risco máis elevado de padecer cancro de pulmón, sendo a segunda causa principal deste andazo despois do tabaco», explicou Alonso.
«A Deputación ten que implicarse de xeito directo, coordinar as accións de desenvolver e colaborar con concellos e veciños que sofren o impacto directo do radon», dixo o deputado de Valdeorras. Segundo o socialista, «a corporación provincial debe abrir o debate entre a cidadanía, informar, concienciar e formar, amais de axudar na medida das súas posibilidades para levar a cabo as actuacións que tan necesarias son para atallar esta problemática o antes posible con vistas a salvagardar á saúde de veciñas e veciños». A moción foi aprobada co apoio unánime de todos os grupos políticos da Deputación.