
O grupo municipal socialista considera que o orzamento do Consello Municipal de Deportes (CMD) para 2025 proposto dende o goberno de Gonzalo Pérez Jácome resulta «continuísta» e conforma «unha simple liquidación», que deixa no aire asuntos esenciais como a «comprometida liña 3 de subvencións por concorrencia competitiva demandada pola oposición» do Concello de Ourense.
Neste liña, inciden en que a ausencia deste compromiso «avoca de novo á posible aparición de modificacións de crédito para pagar nominativas a dedo e de maneira discrecional» como xa aconteceu en anos anteriores. «Trátase dun sistema que rexeitamos porque, obviamente, non se basea en criterios obxectivos; senón que o seu principal motor é comprar vontades obviando as necesidades reais dos clubs e entidades deportivas da cidade», defende a edil do PSdeG María Fernández Ojea logo da reunión do CMD deste mediodía no que se aprobou o presuposto para todo o ano.
Entenden as concelleiras do grupo municipal socialista que resulta vital apostar polo deporte dende a Administración local co consenso das diferentes formacións políticas con representación institucional e que, no actual orzamento aprobado, «non se subsana o déficit de infraestruturas que padecen algúns clubs e equipos da cidade nin un incremento do investimento para o mantemento das mesmas».
«Tamén consideramos insuficiente neste proxecto a aportación para o acondicionamento das instalacións deportivas existentes, a aportación para deportistas a nivel individual que solicitamos este ano ou a aportación para os importantes eventos deportivos que terán lugar en Ourense no que resta de 2025», engade a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez.
Así as cousas, as socialistas botan en falta no presuposto o proxecto deportivo do goberno de Democracia Orensana e o incremento de novas liñas de axuda e investimentos para promover o deporte en todas as súas vertentes.
Por outra banda, dende o grupo municipal socialista trasladan os seus parabéns á Unión Deportiva Ourense polo seu ascenso a Segunda RFEF que consideran «meritorio e merecido» e que supón «un orgullo para a cidade». «Parabéns ao equipo, á dirección e a toda a afección e solicitamos ao executivo municipal que se leve a cabo unha recepción institucional na Casa Consistorial, co gallo deste logro deportivo, no que poidamos participar todas as formacións políticas representadas no CMD», reclama a portavoz para este e o resto de logros que se poidan acadar polos e polas deportistas ourensás.