Os praceiros da Praza de Abastos N.º 1 denuncian a ruptura das negociacións por parte de Jácome

Fachada trasera de la Plaza De Abastos en Obras
Fachada trasera de la Plaza De Abastos en Obras

Comunicado oficial dos ptaceiros da Praza de Abastos nº 1 de Ourense:

Tras recibir o comunicado no que o Concello de Ourense e o seu alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, informan á Xunta de Galicia e aos praceiros da Praza de Abastos n.º 1 da súa intención de romper as negociacións por “un punto onde xa se comezaría a danar o interese xeral da cidade de Ourense”, queremos agradecer a todos os ourensáns e ourensás as súas mostras de apoio ante esta decisión unilateral, que volve situar a política local noutro novo momento lamentable.

En primeiro lugar, queremos deixar claro que nós tampouco sabemos cal é ese «punto onde xa se comezaría a danar o interese xeral da cidade de Ourense». Se alguén o sabe, por favor, que bote luz sobre este asunto. Aínda que é moi probable que ninguén o saiba…

En segundo lugar, queremos aclarar, como vimos facendo nos últimos meses, que os praceiros cumprimos coas nosas obrigas e pagamos as nosas cotas ao Concello. Sempre o fixemos. Non gozamos de máis privilexios que calquera outro comercio da cidade. O noso único privilexio é poder manter viva unha profesión tradicional ao servizo dos nosos veciños nun fantástico edificio histórico.

Así mesmo, descoñecemos como chegamos a este nivel de rumores absurdos e infundados, pero si temos claro que detrás destas informacións hai intereses que pouco teñen que ver co ben común da nosa cidade. Seguramente, están máis relacionados cun novo uso do edificio da Praza de Abastos, no que os praceiros, simplemente, sobramos.

En terceiro lugar, queremos expresar a nosa perplexidade. Mentres noutras cidades de Galicia, de España e da Unión Europea o noso modelo de negocio é apoiado e recoñecido polo seu valor engadido para o comercio e para os produtores e provedores locais, en Ourense é desprezado, insultado e vilipendiado polas autoridades locais. As faltas de respecto por parte do Goberno municipal convertéronse nunha constante que cansa a calquera. (Tampouco, nisto, somos os únicos en sufrilas).

En cuarto lugar, lamentamos profundamente que Ourense perda, unha vez máis, outra oportunidade. Neste caso, o financiamento da Xunta de Galicia, destinado a rematar as obras da Praza e garantir o correcto funcionamento do edificio (sumidoiros, montacargas, accesos para os usuarios, zonas de carga e descarga…). Cuestións que parecen de sentido común, pero que forman parte dunha negociación surrealista na que o básico e indiscutible parece converterse nun privilexio inxustificado.

En quinto lugar, queremos remarcar que non consideramos que a nosa situación sexa unha excepción. O que sucede na Praza de Abastos de Ourense tamén ocorre con outros edificios públicos, totalmente abandonados, sen ningún plan de uso ou rehabilitación. A única diferenza é que, neste caso, hai persoas reivindicando.

Finalmente, gustaríanos lembrar o que dicía un grande da nosa cultura: “Os galegos non protestan, emigran”. É probable que Castelao tivese algo de razón, pero Castelao non nos coñecía.

Non temos intención de rendernos. Non imos pechar. Non imos permitir que afundan os nosos negocios. Non imos deixar que Ourense quede sen Praza de Abastos. Non imos quedar na Alameda nin privar os ourensáns do seu goce.

Os case 300 traballadores desta praza, que pagamos os nosos impostos puntualmente, achegando ás arcas municipais o que outros xestionan de xeito francamente moi estraño, non temos ningunha intención de renunciar ao noso histórico edificio.

Queremos volver á Praza.

O luns atoparédesnos aquí, á hora de sempre. O martes, tamén. E así ata que poidamos volver á nosa casa.

Ourense e os seus cidadáns e cidadás merecen moito máis nivel.

Grazas, Ourense.
A Praza

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad