Dende o grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense defenderase no próximo pleno unha resolución para instar ao Goberno central de Pedro Sanchez a que asegure a mobilidade de toda a veciñanza de Ourense, retirando a proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús que elimina paradas ata en seis municipios da provincia de Ourense e recuperando as xa suprimidas. Os populares critican que a nova proposta faise «desde a imposición, sen contar coas outras administracións (autonómica, provincial e local), nin atender ás peticións da veciñanza».
O Partido Popular xa solicitara que se tiveran en conta as características xeográficas e de poboación da provincia, e prestárase especial atención ás conexións no rural, fundamentais cara a loita contra a despoboación e o envellecemento.
«As decisións do Goberno central van na dirección contraria de reverter esta situación, xa que, co novo mapa, 6 concellos ourensáns máis quedarían illados das rutas estatais», destaca a voceira do PP, Patricia Torres.
Desde o grupo provincial do Partido Popular alértase de que coa reestruturación do Ministerio de Transportes elimínanse 90 tráficos dentro de Galicia. Un recorte que deixaría sen parada aos concellos de Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Riós, A Rúa e Allariz na Provincia de Ourense e Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño, no resto de Galicia.
Con este enfoque de entender o servizo público, os responsables políticos da administración central «poñen por riba do equilibrio territorial criterios económicos que só levan ao deterioro do transporte público e que van en contra das necesidades de Galicia», reiteran os populares, que culpan ao Goberno de Pedro Sánchez de «prexudicar aos dereitos dos concellos do rural e á igualdade de oportunidades».
Así, subliña o grupo popular provincial, estase a ver como se desmantelan pouco a pouco todos os servizos estatais, facendo fincapé nos máis básicos como son Correos, a seguridade cidadá, o ferrocarril e o transporte público por estrada, «facendo menos atractivo o noso territorio para atraer poboación e que a cidadanía ourensá sufra as consecuencias, chegando incluso a ter que deixar o seu fogar de toda a vida», explica Patricia Torres.
Por todos estes motivos, o PP defenderá no pleno da Deputación a retirada da proposta do mapa de liñas de autobús e, ademais, instará ao Goberno de España a que calquera proposta que pretenda establecerse incorpore as demandas trasladadas desde todas as administracións en relación con este servizo de mobilidade, en particular, que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da nosa provincia e se preste especial atención ás conexións do e no rural.