O grupo municipal socialista esixirá á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, que interceda ante o estado de abandono no que se atopa o complexo termal das Burgas. «O que debería ser un espazo dinamizador do casco historico continúa funcionando precariamente, tal e como denunciamos hai meses en rolda de prensa, aínda que nalgunhas áreas o grado de deterioro vai incrementándose», expuxo o edil do PSdeG no Concello de Ourense José Ángel Vázquez Barquero.
Sobre a piscina termal sinalou que, se ben é certo que a obra de rehabilitación foi recepcionada 8 meses atrás pola administración local, actualmente continúa pechada logo de 4 anos sen que nin a cidadanía nin o turismo se poida beneficiar da instalación. «O que todos nos preguntamos é por que despois de levarse a cabo as obras de acondicionamento segue pechada ao público. E todo apunta a que existen unha serie de deficiencias técnicas que teñen que ser solventadas para que poida estar en perfecto estado de uso e ás que haberá que facer fronte económicamente tamén», relatou.
Neste senso, denunciou que a piscina romana, un tesouro arqueolóxico da cidade, se atopa con auga en mal estado e estancada, así como con maleza arredor, o que amosa o abandono do goberno municipal ao respecto. «Se un le a lei de patrimonio cultural de Galicia encóntrase con que os propietarios das dotacións arqueolóxicas, neste caso o Concello de Ourense, son os responsables de velar polo mantemento, o coidado e tratar de evitar o deterioro das infraestruturas», lembrou sobre as eivas detectadas no circuito térmico que podería non responder ás necesidades da auga mineromedicinal e dos usuarios e usuarias.
Poe elo, o socialista afirmou que, nos próximos días, porán en coñecemento da Consellería de Cultura a situación actual «para que tome cartas no asunto» e deixe de mirar cara outro lado ante o desleixo do executivo de Gonzalo Pérez Jácome.