O PSdeG-PSOE de Viana insta ao BNG a “ser serio” e deixar de “enredar á veciñanza” coa moción de censura

PSOE de Viana
PSOE de Viana

 O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao BNG a «ser serios» e a que «deixen de enredar á veciñanza» en relación a moción de censura e pídenlles que «se queren traballar por Viana, acepten a proposta do PSdeG-PSOE e que foi aprobada pola súa dirección de partido e que o BNG local non acepta». As e os socialistas vianeses tamén critican a actitude dos nacionalistas nos últimos días afirmando que «este tipo de comportamentos non favorecen un acordo do espazo progresista en Viana», motivo polo que lles solicitan que «pensen na veciñanza e nos intereses xerais por riba dos persoais».

O grupo municipal socialista vén de ofrecer unha rolda de prensa na que detallou polo miúdo todos os pasos dados por ambas formacións políticas, tanto neste 2025 como despois das eleccións, para chegar a un acordo e mudar o goberno municipal de Viana. Dende o PSOE apuntan a que «nosa foi a iniciativa de por fin a nula xestión do PP no concello, e a pesares dos atrancos e da falta de vontade por parte do BNG, imos seguir loitando para que recapaciten e pensen no que realmente importa, Viana».

Nun acto aberto aos medios, o voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, que estivo arroupado polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; e polos deputados e deputadas provinciais Aurentino AlonsoElvira Lama e Diego Fernández; e o secretario de organización da agrupación socialista de Viana, Isaac Pérez Vidueira, detallou polo miúdo todo o acontecido. As e os socialistas manifestaron que «a man para chegar a un acordo segue tendida, pero o BNG debe ter vontade e non por condicións non asumibles, nas que só amosan que non queren que haxa moción de censura». Neste senso o edil socialista preguntouse se «existe algunha maneira mellor de dicir que non dicindo que si con condicións non asumibles?».

García-Ávila comezou a súa intervención detallando que «todo comeza no pleno celebrado o 16 de xaneiro de 2025, cando o propio alcalde do Partido Popular pon sobre a mesa a moción de censura». Ante esta situación o PSOE vianés envía unha nota de prensa o 17 de xaneiro na que convida ao BNG a «abandonar as súas ansias de ter a alcaldía en exclusividade e negociar un goberno alternativo co reparto de alcaldía e concellerías». Neste punto, o portavoz socialista subliñou que «a resposta do voceiro do BNG, Secundino Fernández, foi mentir publicamente manifestando unha serie de datos falsos de que non houbera xuntanzas despois das eleccións, cando nos reunimos o 6 de febreiro de 2024, o 29 de febreiro de 2024 e o 19 de marzo de 2024, trasladándolles a nosa oferta dun goberno de coalición e reparto de alcaldía e concellerías, para negociar posteriormente o programa e demais detalles». A resposta do BNG foi que si, pero ca alcaldía en exclusividade para eles.

«Pero non quedaron aí as mentiras, xa que o 20 de xaneiro de 2025, Secundino Fernández volveu a falsear a verdade, afirmando que tivera coñecemento pola prensa da nosa dispoñibilidade para volver a negociar, cando o 15 de xaneiro ás 18:39 horas recibiu unha chamada de teléfono na que o instábamos a xuntarnos novamente para por fin ao desgoberno do PP», explicou Germán García-Ávila Arias.

O PSdeG-PSOE de Viana propuxo unha xuntanza para o 21 de xaneiro de 2025, pero a reunión finalmente produciuse o 25 de xaneiro na que asistiron 4 representantes do BNG e 4 do PSOE e na que novamente se propuxo un goberno de coalición con reparto de concellerías e alcaldías (16 meses de alcaldía do BNG e 12 do PSOE). As e os nacionalistas acordaron celebrar unha xuntanza interna para dar resposta a esta proposta e na mesma acordan delegar aos órganos superiores do seu partido a decisión.

5 de febreiro de 2025 prodúcese un contacto entre as direccións de PSdeG-PSOE e BNG en Ourense na que se acepta a proposta do grupo municipal socialista e se empraza a unha xuntanza o 10 de febreiro en Verín para acordar todo con detalle. «Unha vez trasladado o acordo deciden non aceptalo, quedando anulada a xuntanza en Verín e producíndose ese mesmo día unha xuntanza da súa dirección coa agrupación local na que deciden trasladarnos unha nova proposta», apuntou Germán García-Ávila.

O xoves 13 de febreiro de 2025 presentan unha nova proposta na que esixen a renuncia do cabeza de lista e voceiro socialista, Germán García-Ávila Arias, á alcaldía, á tenencia de alcaldía e que non poderá formar parte do equipo de goberno. «O BNG escúdase en que o seu voceiro tampouco poderá ser alcalde, nin tenente de alcalde, pero isto acontece por impedimento legal ao ser xa deputado autonómico», apuntou o portavoz do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo.

«Pola nosa parte, e tendo en conta que o importante é o arranxo dos problemas de Viana, acordamos internamente aceptar dita petición, estudando a maneira de facer fronte a esta esixencia», relatou García-Ávila Arias. Outra das condicións da última oferta do BNG era que o equipo de goberno estivese formado por 2 concelleiros ou concelleiras de cada grupo, pero tal e como apunta o voceiro socialista «eles teñen dous concelleiros sen ataduras laborais, namentres que no noso grupo so eu podo dedicarlle o tempo que merece o noso concello, xa que os outros compañeiros teñen ataduras laborais e non poderían estar fisicamente na casa consistorial».

Por último, o voceiro socialista afirmou que «todo isto que detallamos amosa a falta de vontade por parte do BNG para poder chegar a un acordo de goberno» e apunta a que «saben dabondo a composición da nosa lista e polo tanto esta última condición é imposible de cumprir». García-Ávila tamén criticou a postura do BNG «cando en plena negociación sacan unha nota de prensa por retrasar a nosa resposta, cando eles tamén se tomaron uns tempos similares para contestar a nosa proposta».

Pola súa banda o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, afondou nos argumentos de García-Ávila ao poñer de manifesto que «o BNG de Viana non conta nin co respaldo da veciñanza nin da dirección do seu propio partido, buscando unicamente defender o seu núcleo de poder local, poñendo condicións imposibles de cumprir». «Ao deixar ao grupo socialista sen posibilidades de exercer a alcaldía, inhiben a vianesas e vianesas de contar cunha opción de progreso para o seu municipio», subliñou Rodríguez Villarino.

Segundo o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, «non ten cabida o veto que se fai a Germán García-Ávila, que é unha persoa competente, honesta e querida, á quen pretenden apartar co único obxecto de que non chegue á alcaldía». Rodríguez Villarino afirmou que grupo socialista de Viana ten todo o respaldo do PSdeG para obter un «acordo xusto» e por iso chamou a atención do BNG para «priorizar a defensa dos veciños» e «acadar un goberno de progreso».

«Un goberno que debería chegar, a menos que eles o impidan. E se o bloquean, alomenos que o fagan con razóns, non con desculpas e condicións inasumibles», sentenzou Rodríguez-Villarino. 

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad