O PSdeG-PSOE de Ourense culpa a Gonzalo Pérez Jácome de eludir a súa responsabilidade na perda da subvención de 3,5 millóns de euros para financiar as obras de reforma integral da Praza de Abastos número 1 e lamenta que a visión do alcalde non vaia «máis aló da rúa da súa casa e do seu negocio». As e os socialistas aseguran que o estado de «desleixo» no que se atopan os mercados de Ourense é «corresponsabilidade de Democracia Ourensana», sendo o alcalde o responsable «último e directo» da perda da axuda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
«O alcalde Jácome leva dende o inicio do mandato dedicándose a torpedear deliberadamente a subvención e amosando unha actitude de desprezo absoluto cara ao colectivo das praceiras e praceiros» denuncian dende as filas socialistas, ao tempo que inciden en que o rexedor xa leva desaproveitado numerosas axudas en materia de transporte, rehabilitación urbana e comercio, posto que «as únicas subvencións que parecen interesarlle a Jácome son as que recibe Democracia Ourensana para o seu financiamento interno».
As e os socialistas lembran que a a Praza de Abastos foi seleccionada para a súa reforma ao atoparse nunha zona de especial protección como son As Burgas, e para a propia conservación e enriquecemento do edificio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Subliñan, así mesmo, que a subvención do Ministerio foi conseguida polo goberno socialista da cidade e concedida durante o anterior mandato do Partido Popular para darlle pulo a un edificio senlleiro que «nunca recibiu a atención que merece por parte do alcalde Jácome».
Neste sentido, lamentan que vaian ter que ser «as arcas públicas do Concello de Ourense as que, inxustamente, paguen as consecuencias do proceder irresponsable deste rexedor», ao tempo que recalcan a importancia dun novo goberno para a cidade que permita seguir poñendo en valor este edificio e todos aqueles elementos que permitan que Ourense recupere o seu esplendor.