O grupo municipal socialista levará, ao vindeiro pleno ordinario no Concello de Ourense, unha iniciativa para instar ao executivo local a acometer todas as accións necesarias para estudar a viabilidade e impulsar a creación dun novo aparcadoiro baixo o viaduto do acceso centro -en colaboración co resto de administracións implicadas- no barrio de Vistahermosa.
«Reclamamos con esta moción que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome se comprometa coas demandas da veciñanza deste barrio en 2025», afirma a voceira do PSdeG, Natalia González sobre o texto rexistrado que tamén insta a construír un novo parque infantil na praza Taboada Chivite, efectuar todas as obras precisas para acadar unha accesibilidade total na rúa Xoán Vicente Viqueira, poñer en marcha un Plan de Mellora de Zonas Verdes e Especies Arbóreas e a facer todas as xestións necesarias para a creación dunha nova pista polideportiva no Parque das Letras.
«Vistahermosa é un barrio abandonado polo Concello de Ourense, de xeito especial no último lustro baixo os mandatos de Gonzalo Pérez Jácome, a pesar de todas as súas potencialidades e de que as súas demandas non son excesivamente complexas de resolver», destaca a portavoz socialista engadindo que a veciñanza desta área da cidade continúa agardando por un impulso real por parte do actual executivo local.
Tal e como recolle a iniciativa presentada, as demandas de Vistahermosa foron levadas a pleno recentemente por parte do Bloque Nacionalista Galego e o resto de formacións políticas apoiaronas; a excepción de Democracia Orensana, que afirmaba estar traballando nelo pero que a día de hoxe nada fixo ao respecto de todas estas demandas, nin sequera responder aos escritos, nin atender ao máis básico e urxente, nin visitar «in situ» as carencias da zona.
«Este barrio, hoxe habitado por unha poboación próxima ás 3.000 persoas, deu un respiro importante no seu día ao déficit de vivenda existente na nosa cidade e nas últimas décadas foi opción preferente para a residencia de xente moza», lembran dende o grupo municipal socialista na iniciativa sobre a importancia de atender ás necesidades desta zona.
«Agardamos o respaldo do resto de grupos políticos e que, por fin, a voz de Vistahermosa se transforme en realidade», remata exhortando a portavoz socialista e secretaria xeral do PSdeG en Ourense.