
«Tres anos despois, facemos un balance moi positivo e rendimos contas á nosa militancia, como fixemos sempre. Podemos falar, cos datos na man, de que somos a agrupación municipal socialista máis activa de Galicia; de que todos os procesos electorais e de renovación orgánica foron absolutamente impecables en canto a cohesión e fortalecemento do partido; de que xogamos un papel importante e de peso no contexto autonómico e nacional e de que a agrupación goza dunha estabilidade económica, política e orgánica que non se recordaba dende fai máis dunha década», comezou expoñendo na Asemblea a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, que rendeu contas do seu mandato á fronte da Comisión Executiva Municipal (CEM).
Incidiu, na súa intervención, sobre a nova inercia política da agrupación lembrando que nestes anos se conseguíu transformar «o ruído e a división en traballo e cohesión»; e que isto supón que actualmente se fale da agrupación local «polas batallas que dá fóra, nas rúas, nos medios de comunicación, nas institucións» e non polas de dentro.
Agradeceu, así mesmo, o labor desenvolto polo equipo de 26 persoas que «dende o minuto un fixo do traballo en rede, a cooperación orgánica e institucional e a xenerosidade a súa bandeira e que puxo de relevancia e impulsou a comunicación política e dixital» para situar ao PSOE da cidade «no mapa da política actual».
Tamén repasou pormenorizadamente as diferentes liñas de actuación da CEM que xiraron en torno á Memoria Democrática con actos como os das homenaxes ao alcalde represaliado e fusilado Manuel Suárez Castro, o aniversario da propia agrupación que en 2025 fará 130 anos de historia, a II República, o recoñecemento ás vítimas do exilio e do holocausto ou o golpe militar de Pinochet en Chile. «No plano municipal seguimos na loita constante pola denominación de Praza da II República para o antigo Campo de Aragón, a eliminación de toda a simboloxía franquista, aínda existente na cidade, ou a posta en marcha do Consello Municipal da Memoria», afirmou sobre as demandas realizadas en múltiples ocasións no Concello de Ourense.
Os dereitos LGBTI e o feminismo, da man de XSG, foron outros dos piares que guiaron a axenda dos e das socialistas a través de xornadas -nas que participaron Santi Rivero e Raquel Pedraja para abordar a lei trans, entre outras figuras relevantes-, comunicados de condea á explotación sexual e a trata, o enxalzamento das mulleres rurais no desenvolvemento da España e da Galicia baleiradas, o papel das mestras da República ou as propias datas do 8M e 25N son algúns evidentes exemplos.
A defensa da cultura en todas as súas vertentes xogou tamén un papel esencial ao propoñerse dende a agrupación municipal unha programación aberta á cidadanía ante a inexistente iniciativa do executivo de Gonzalo Pérez Jácome. «Aportamos o noso gran de area para orgullecernos das nosas Letras Galegas con xornadas en torno a Florencio Delgado Gurriarán, Francisco Fernández del Riego e Luisa Villalta», recordou a secretaria xeral.
Mais tamén se programaron actos para lembrar a Eduardo Blanco Amor na data do seu nacemento, o Día de Europa, ou o emblema que supuxo para a cidade o Circo dos Muchachos, todo elo destacando o galeguismo impreso no ADN do PSdeG.
Especialmente, Natalia González agradeceu o labor inesgotable do secretario de Organización, José Ramón Fernández; o secretario de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión; o actual senador por Lugo, César Mogo; a deputada no Congreso, Marga Martín; a secretaria de federal de Política Económica e Transformación Dixital, Enma López; e o eurodeputado galego, Nicolás González por seren persoas fundamentais para implicar á militancia na vida do partido e achegar as institucións á cidadanía.
Así mesmo, puxo de relieve que tanto o grupo municipal -que é o que máis iniciativas presentou da oposición no Concello de Ourense- como a agrupación local -a máis activa e con máis programación de Galicia- son «un orgullo» polo traballo desempeñado e constitúen «a única alternativa» ao desgoberno de Gonzalo Pérez Jácome. «Tamén na Xunta de Galicia presentamos, nestes tres anos, máis de 40 iniciativas grazas á inestimable dedicación e labor de Carmen Rodríguez Dacosta«, explicou.
«En tres meses dende a nosa chegada, o 15 de xuño de 2022, celebramos a nosa primeira asamblea ordinaria, despois de case 3 anos sen poder escoitar a voz da militancia. A partir de aí viñeron, con total normalidade, outras 5 ordinarias e 8 extraordinarias para os procesos de elaboración de candidaturas ás eleccións municipais 2023, autonómicas e xerais 2024 e elaboración de candidaturas de consenso coa aprobación de listas de delegados e delegadas ao 41º Congreso Federal de Sevilla e XV Congreso Nacional do PSdeG en Santiago de Compostela», resumiu sobre a actividade orgánica.
«Por iso, pecho esta intervención na que rindo contas do noso traballo durante estes 3 anos ante todos e todas, trasladándovos con máis forza ca nunca o importante que é militar activamente neste noso partido, no que eu comecei fixo 20 anos o mes pasado, media vida, e no que aprendín a entender á xente moza, ás mulleres, a non perder a ilusión, a cultivar o sentido do humor, a paciencia e a resiliencia; pero que foi unha das decisións máis importantes da miña vida e da que máis orgullosa me sinto. Dende aí, e dende a responsabilidade orgánica que teño, seguirei a loitar por seguir avanzando con humildade, con lealdade, con sacrificio e con xenerosidade sempre», finalizou ante a militancia.