Logo de máis dun ano e medio de mandato do goberno de Gonzalo Pérez Jácome, dende o grupo municipal socialista insisten na necesidade de que o executivo local comece a traballar a prol da veciñanza. «Preocúpanos fondamente como se están a desenvolver os plenos do Concello de Ourense que non teñen contido político nin de xestión por parte de quen dirixe a terceira cidade de Galicia», denuncia a edil do PSdeG María Fernández Ojea.
«As sesións plenarias, máis aló das circunstancias nas que se desenvolven e do xeito no que se moderan os debates, que son temas que non parecen ter visos de cambio pese aos nosos reclamos, dende que comezou este mandato en xullo de 2023 carecen prácticamente de parte resolutoria», lamenta a socialista logo da última comisión de pleno que tivo lugar esta semana. «Dende Democracia Orensana limítanse, unicamente, ao debate das iniciativas que presentan os grupos da oposición», engade sobre o baleirado de contido.
Así mesmo, sinala que a situación que arrastra o executivo local dende as últimas eleccións municipais, que tiveron lugar en maio de 2023, semella que «o goberno non toma decisións que teñen que ser sometidas a un debate plenario» pola súa relevancia –como é o caso das concesións e dos dereitos da veciñanza–.
«Se o pleno está totalmente baleiro de contido, a que se dedica exactamente o executivo municipal?», remata preguntando a edil do PSdeG e lembra que parte das modificacións de crédito aprobadas pola Corporación non chegan a executarse.