O PP de Ourense rinde homenaxe a María Pilar Otilia López, primeira alcaldesa da provincia con 40 anos de mandato en Ramirás

María Pilar Otilia López
María Pilar Otilia López

O Partido Popular de Ourense conmemorou hoxe o Día Internacional da Muller enxalzando a figura das alcaldesas, cunha homenaxe á que foi a primeira rexedora na provincia en período democrático: María Pilar Otilia López, que ostentou o bastón de mando en Ramirás desde 1975 ata 2015.

A homenaxeada, que recolleu un obsequio conmemorativo de mans do presidente provincial, Luis Menor, amosou a súa emoción por este recoñecemento, mencionando o seu agradecemento a todas as persoas que «fixeron que Ramirás medrara, concello que me segue gustando e do que sigo presumindo». Do mesmo xeito, lembrou especialmente ás mulleres que seguen mellorando a vida da veciñanza.

María Pilar Otilia López lembrou anécdotas coma unha das primeiras obras que se propuxo para o seu municipio -e conseguiu-, que foi cuartel da Garda Civil. Tamén falou dos seus primeiros plenos, nos que asegurou que «pensei que eu alí facía o tonto», arrincando os sorrisos dos asistentes.

No acto, organizado pola Vicesecretaría de Igualdade, que preside Elena Freijedo, proxectouse un vídeo no que, ademais da homenaxeada, participaron entre outros José Antonio Pérez Cortés, actual alcalde de Quintela de Leirado, e Manuel Montero, ex alcalde de Cenlle. Ambos coincidiron nos seus mandatos con Pilar Otilia, destacando a «profesionalidade» da rexedora, así como as «grandes dificultades» que superou na súa época, cando todo estaba por facer. Incidiron tamén no papel de «mestras» das alcaldesas daquel tempo, que loitaron por crear escolas no rural.

Tamén participou no vídeo Melisa Macía, a alcaldesa máis nova da provincia, que fixo referencia ao momento no que accedeu ao cargo, lembrando as «dificultades» que atopou como «unha rapaza de 27 anos que chega á política». 

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo en valor a Pilar por «abrir unha porta hai xa 50 anos», sendo «unha referente á que seguir admirando». «Queremos ter moitas Pilares, porque cando unha muller lidera o seu concello, iso nótase», engadiu Paula Prado.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PP de Ourense, Sandra Quintas, reivindicou á homenaxeada coma unha muller «pioneira, valente e de partido». 

O encargado de pechar o acto conmemorativo e de homenaxe foi o presidente provincial, Luis Menor, quen enxalzou ás mulleres que integran o Partido Popular de Ourense: «sodes o mellor exemplo de igualdade e de feminismo, do ‘feminismo real e non de cotas».

Menor sinalou a Pilar Otilia «como un dos espellos nos que nos miramos todos os alcaldes, porque foi un exemplo de dedicación, traballo e dese feminismo real».

O presidente provincial quixo lembrar que a nivel orgánico, o PPdeOU conta con «mulleres valentes, fortes e líderes», recalcado a súa condición de referentes da igualdade que se demostra día a día empregando as ferramentas que teñen á súa disposición para cambiar as cousas e axudar aos seus veciños e veciñas.

Ourense, a provincia galega con máis mulleres do PP no bastón de mando

A provincia de Ourense é a provincia galega con máis alcaldesas. En concreto, as ourensás representan case a metade do total de mulleres do PP en Galicia que ostentan o bastón de mando en municipios galegos. As 13 rexedoras populares de Ourense son: Sandra Quintas, en Bande; Patricia Torres, en Boborás; Teresa Barge, en A Bola; María del Carmen González, en Carballeda de Valdeorras; Rebeca Sotelo, en Cenlle; Pura Rodríguez, en Gomesende; Patricia Lamela, en Larouco; María del Carmen Yáñez, en Lobios; Ana Villarino, en Oímbra; Susana Vázquez, en Porqueira; Eva Barrio, en Riós; Marta Nóvoa, en San Cibrao e Melisa Macía, en Vilariño de Conso.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad