O memorial ás 90 vítimas soterradas no cemiterio de Celanova inaugurarase o 23 de marzo

Foto
Foto

Unha ducia de familias de vítimas da represión fascista após o golpe de Estado do 36 e durante os anos da guerra e a ditadura asistirán o 23 de marzo próximo aos actos de inauguración do memorial que lembra os 90 nomes de represaliados, que foron soterrados no cemiterio de San Breixo, en Celanova, entre 1936 e 1943, cando se pechou a Prisión Central.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova localizou 13 familias de vítimas cuxa memoria será honrada no memorial. Trátase de 5 familias de Asturias -dado que a maioría do continxente de presos, e tamén dos mortos ou asasinados na cadea tiña esa procedencia-, dúas de Castela e León, dúas da Comunidade de Madrid, unha de Castela A Mancha, unha de Andalucía, outra de Estremadura e unha de Monforte de Lemos.

Na presentación deste mércores, xunto ao Alcalde de Celanova, Antonio Puga, e a tenente de Alcalde, Teresa Barge, estiveron Gerardo Tesera Tovar -neto de Gerardo Tovar Gris, palentino que ingresou na Prisión Central de Celanova en outubro de 1940, e faleceu o 14 de abril de 1941, aos 43 anos, vítima da tuberculose-, e Fernando Moure -sobriño neto do monfortino Ramón Yáñez Pereira, xefe da guerrilla do Laboreiro, asasinado o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil, preto de Celanova, polas forzas de represión do Estado franquista, acompañados por membros do Comité.

O alcalde agradeceu ás familias á constancia na busca dos seus e, tamén, o labor do Comité de Memoria Histórica. Do seu lado, Fernando Moure, puxo ao Concello de Celanova como exemplo para o resto de Administracións do país polo seu apoio aos traballos de recuperación da memoriaapoio que Gerardo Tesera Tovar agradeceu persoalmente en nome de todas as familias das vítimas convocadas aos actos.

O memorial, unha prancha de ferro que sostén dúas placas de aceiro con todos os nomes e leva a inscrición: «En recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio». Elévase sobre a lápida dunha sepultura que rende homenaxe a todas as vítimas da represión na comarca de Celanova. A columna está rematada por dúas pombas, idénticas á que figura na placa recentemente instalada no que foi cárcere de mulleres. O deseño é obra do artista plástico celanovés, Baldomero Moreiras.

A maiores, o equipo de Histagra, coordinador na Galiza do Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021-2024, que acometeu a intervención na fosa dos asturianos en 2022, instalará un monumento en forma de banco de pedra e malla, obra de Uqui Permui, que vincula os traballos de exhumación de fosas nos diferentes cemiterios do país. O monumento presenta a memoria da exhumación en Celanova por unha cara e, pola outra, un resumo do acontecido no xardín central do camposanto, onte se atoparon os restos dos sete asturianos.

Os actos consistirán nunha recepción institucional, a mañá do domingo 23 de marzo por parte do Concello de Celanova, ás familias e outras Administracións que xa confirmaron a súa asistencia: como a Dirección General de Memoria Democrática de Asturias, cunha delegación encabezada por Begoña Collazo, a directora xeral; e o Goberno do Estado, representado polo Delegado do Goberno na comunidade e o Subdelegado do Goberno en Ourense, ademais dos equipos do Grupo Histagra, da USC, o Instituto de Medicina Lega de Galicia (IMELGA) e o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, e Tempos Arqueólogos, encargados da intervención na fosa.

A continuación, tamén esa mañá, procederase ao descubrimento do memorial ás 90 vítimas e do monumento da exhumación no cemiterio de San Breixo. Onde o Comité e as familias poderán expresar o seu agradecemento ás institucións e solicitarán publicamente a declaración do cemiterio como Lugar de Memoria, ao abeiro da actual lei estatal de memoria democrática.

ENTREGA EN XIXÓN E ENCONTRO CO SUBDELEGADO.

Antonio Puga, o Alcalde, tamén informou que o próximo luns, día 24 de febreiro, participará en Xixón na entrega dos restos de Baldomero Vigil-Escalera á súa familia. Vigil-Escalera é o terceiro dos fusilados en setembro de 1939 contra os muros do cemiterio e soterrado nunha fosa común, identificado polas probas de ADN nun traballo conxunto do IMELGA e o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. A entrega está organizada polo Goberno de Asturias.

O Comité, pola súa parte, continuará a rolda de contactos institucionais iniciada hai un mes en Oviedo co Goberno de Asturias, visitando o mesmo día, o próximo luns, ao Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez, para tratar asuntos relacionados coa recuperación da memoria das vítimas do cárcere e outros espazos de memoria en Celanova.

LISTA DE GALEGOS NO MEMORIAL DOS 90

A continuación, a relación de vítimas de veciños de localidades galegas que están soterrados no cemiterio. Tres dos nomes (o do guerrilleiro e os dos irmáns Fuentes Canal) son parte dos engadidos (un total de 7) tras as investigacións e buscas do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova:

Irmáns Manuel e Emilio Fuentes Canal

detidos en Ourense o 22 de xullo de 1936, paseados en Celanova, na Ponte Pequena, o 16 de agosto de 1936. Tiñan 35 e 29 anos, respectivamente. Fillos de Emilia e José, propietario en Verín do Hotel 2 Naciones.

Benito Bello Fernández

Falecido o 14 de xaneiro de 1938 na prisión. Tiña 40 anos, fillo de Rosa e Juan, veciño de Cenlle OURENSE.

Manuel Faría

Falecido o 25 de agosto de 1938 na prisión. Súbdito portugués, veciño de Luíntra OURENSE, de profesión CANTEIRO. Detido pola Falanxe o 12 de xaneiro de 1937. Tiña 39 anos, fillo de Rosa e Emilio.

Domingo Mantilla González

Falecido o 26 de setembro de 1939 na prisión. Veciño de Ribadavia, natural de Rosende-Sober LUGO.

Tiña 35 anos, os nomes dos pais eran Ramona e José. Casado con María Martín Castro. Deixou catro fillos, Cristian, Ramona, José e Marí Cruz.

Enrique Senra Fernández

Falecido o 23 de ABRIL de 1941 na prisión. Tiña 26 anos.

Fóra xulgado en Oviedo en febreiro do 38, ingresou en Celanova un ano despois.

Natural do VAL, na parroquia de Loureda ARTEIXO, A CORUÑA

Zapateiro de profesión, fillo de Josefa e Antonio.

Ramón Yáñez Pereira

Asasinado o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil CELANOVA polas forzas de represión do Estado franquista. Delatado en Celanova por Ramón Castro, coma el, natural de Monforte de Lemos LUGO.

Guerrilleiro. Militante do PCE. Era un dos xefes da guerrilla que operaba no Laboreiro, segundo as investigacións de Carlos Morais para o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad