
O venres no pleno da Deputación debaterase unha moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para a adopción dun Plan Integral contra a Silicose, unha enfermidade profesional que segue a afectar gravemente á saúde dos traballadores da provincia, nomeadamente no sector da lousa en comarcas como Valdeorras.
Álvaro Vila Araújo, voceiro socialista na corporación provincial, xustifica a iniciativa en que «a nosa provincia precisa dun plan que combine prevención, tratamento médico, sensibilización e innovación para protexer aos traballadores e dar resposta ás familias que están sufrindo as consecuencias desta enfermidade».
«Non podemos seguir ignorando un problema que está a deteriorar a saúde dos nosos veciños e veciñas. En Galicia, e particularmente en Ourense, concentramos case o 30% dos casos de silicose detectados en España nos últimos anos. Isto non só evidencia a necesidade de accións inmediatas, senón tamén o compromiso que a Deputación ten que ter como institución que se preocupa polo benestar da provincia para liderar esta causa», declarou Vila.
O voceiro socialista tamén abondou na importancia de modernizar os sectores produtivos onde se rexistran un meirande número de casos de silicose. «Queremos abrir liñas de axuda para que as canteiras e obradoiros artesanais poidan incorporar tecnoloxías que reduzan a emisión de po. Non se trata de parar a actividade económica, senón de facela máis segura e sustentable, garantindo así o futuro do sector e a saúde dos traballadores», engadiu.
Vixilancia e atención integral
A proposta inclúe a creación dun rexistro provincial de enfermidades profesionais para mellorar a detección precoz e xerar datos precisos que permitan deseñar políticas efectivas. Ademais, buscarase promover protocolos de seguridade laboral para empresas de alto risco, subvencionar equipos de protección individual de alta calidade e incentivar a instalación de sistemas de ventilación e aspiración en espazos de traballo expostos ao po de sílice.
Outro dos puntos clave da iniciativa é instar á Consellería de Sanidade para que se cree unha unidade especializada de enfermidades pulmonares ocupacionais no Hospital Comarcal de Valdeorras, zona onde o impacto da silicose e particularmente elevado. «Esta unidade contará con especialistas e garantirá a gratuidade de tratamentos médicos, incluíndo rehabilitación respiratoria e asistencia psicolóxica para os pacientes», subliñou Vila. A moción socialista tamén contempla facilitar o acceso a axudas económicas para persoas con silicose incapacitante para ver de mellorar as súas condicións de vida.
O Grupo Provincial Socialista tamén propón poñer en marcha campañas informativas dirixidas a empresarios, traballadores e sociedade en xeral sobre os riscos da exposición ao po de sílice. Ademais, ofrecerase asesoramento xurídico gratuíto aos traballadores afectados para reclamar os seus dereitos, incluíndo indemnizacións e compensacións.
Finalmente, Álvaro Vila insistiu en que «esta moción é un chamamento á responsabilidade compartida, tendo a Deputación de Ourense a obriga de erixirse en motor deste esforzo colaborativo porque os traballadores non poden seguir pagando coa súa saúde o prezo do progreso económico».