O Comité de Memoria de Celanova reclama a destitución de José Luis Ferro da Fundación Curros Enríquez

Celanova
Celanova

Comunicado do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova demanda a través deste comunicado que o Padroado da Fundación Curros Enríquez destitúa ao exconcelleiro de Cultura e exalcalde José Luis Ferro Iglesias como membro desa institución, na defensa da dignidade das vítimas do fascismo e o seu dereito (que é o dereito de todas e todos) á verdade, á xustiza e á reparación.

Transcorridos tres días desde a súa infame intervención no Parlamento de Galiza, na que negou asasinatos e prácticas xenocidas na Colonia Penitenciaria de San Simón, onde están documentados máis de 400 mortos durante a guerra e a inmediata ditadura, o deputado do PP por Ourense e membro dese Padroado desde a súa etapa como concelleiro en 2012 non ten feito o mínimo xesto de rectificación malia á morea de críticas que recibiu desde sectores diversos da sociedade galega, mesmo unha advertencia directa do Concello de Redondela (Pontevedra) de que será levada a pleno unha proposta para declaralo persoa non grata.

As infames declaracións de Ferro Iglesias resultan intolerábeis para este Comité, non só polos precedentes (varios) das súas actuacións como alcalde e como concelleiro en cuestións relacionadas coa memoria histórica de Celanova, tamén pola circunstancia de que na historia de Celanova están inscritos os nomes de presos (varios) na Prisión Central, que entre finais dos anos trinta e principios dos corenta do século pasado, foron trasladados a San Simón onde morreron a causa dos padecementos sufridos nos cárceres (tamén na de Celanova) e da súa idade avanzada, porque a orde era levar aos sexaxenarios para San Simón.

José Luis Ferro, exconcelleiro de Cultura, exalcalde de Celanova, parlamentario autonómico e licenciado en Ciencias de la Religión pola Universidade de Navarra, ten o deber cívico de memoria para coas «persoas que foron perseguidas, encarceradas, torturadas e mesmo perderon os seus bens e até a vida en defensa da democracia e a liberdade» (no preámbulo da Lei estatal de Memoria Democrática de 2022) e o deber moral de respectar ás vítimas. O Padroado da Fundación Curros Enríquez ten a obriga cívica e moral de corrixir esta infamia e repudiar ao seu autor.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad