O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilízase pola situación de urxencia dos SAF

O Carballiño
O Carballiño

Pensionistas e xubiladas da CIG concentráronse esta mañá diante dos concellos de Arteixo, Narón, Teo, Monforte, O Carballiño, Vilagarcía e Ponteareas para reclamar a xestión pública directa do Servizo de Axuda no Fogar por parte da Xunta de Galiza. Un SAF dotado con orzamentos e persoal suficiente que permita atender a enorme demanda que ten este servizo; que responda ás necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias e no que se garantan unhas condicións laborais e salariais dignas ao persoal.

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG vén denunciando desde hai tempo as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores. Carencias entre as que salientan un tempo de espera de máis de un ano desde a solicitude de dependencia até que se ten a resolución da prestación ou que, ademais, a agarda pode ser inda maior desde a resolución até que se ten a prestación, nalgún caso mesmo anos.

Pero ademais de todas estas cuestións, o Colectivo entende que hai unha grave situación urxente que abordar: O Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Subliñan que na Galiza, pola nosa cultura e forma de ser apegada á terra, preferimos vivir o máximo tempo posíbel na nosa casa e só acudir a un centro asistencial cando non queda máis remedio. “Mais para isto precísase un Servizo de Axuda no Fogar axeitado, dotado con persoal suficiente e que supoña o necesario apoio para as persoas dependentes e as súas familias”.

Competencia da Xunta

Entenden que o Servizo de Axuda no Fogar non pode cumprir esa función adecuadamente na situación actual. Denuncian, a este respecto, que é un servizo cuxa competencia a Xunta fíxoa recaer nos concellos e cun financiamento insuficiente. “De aí que haxa múltiples modelos de xestión, a maior parte deles en mans privadas, que supoñen grandes problemas na prestación da atención”, explican.

Denuncian que os SAF, na actualidade, contan con persoal insuficiente, o que fai que haxa unha importante sobrecarga que “redunda negativamente nas persoas usuarias, que ven mermada a atención que se lles presta, e nas traballadoras (na súa inmensa maioría mulleres), que soportan o peso de asumir moitas tarefas en pouco tempo”, advirten.

Sinalan que, ademais, este persoal non está xustamente retribuído, nin coas condicións laborais adecuadas, dado o traballo que fan. “Trátase de administrar coidados, unha tarefa xa de por si pouco valorizada, pero que supón unha enorme responsabilidade, importantes esforzos físicos e emocionais e mesmo grandes riscos para a saúde. E todo isto non se ve compensado, dado que teñen un salario dos máis baixos do mercado laboral”.

Cambios necesarios

Por iso o colectivo entende que son necesarios cambios nas políticas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Deste xeito, exixen a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que xestione todos os recursos públicos, incluíndo o Servizo de Axuda no Fogar. Consideran, ademais, que este Servizo debe ser xestionado directamente pola Xunta de Galiza, que non pode derivar esa competencia aos concellos, que xa de por si teñen grandes dificultades para poder prestar esta atención adecuadamente, e aos que se traslada esta prestación sen un financiamento adecuado.

A CIG segue a demandar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o SAF, «para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad