
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, denunciou a “falta de transparencia da Xunta de Galicia” no proceso de adxudicación do contrato de privatización do Centro de Atención á Discapacidade de Ourense. Segundo Presas, a licitación publicouse no Diario Oficial da Unión Europea o 16 de xaneiro de 2025 e en Contratos Públicos de Galicia o 24 de xaneiro, establecéndose un prazo de 30 días naturais para presentar solicitudes, prazo que xa foi ampliado.
A deputada criticou que, malia celebrarse unha mesa de contratación onte, aínda non se publicou información ao respecto, o que leva ao BNG a sospeitar que a Xunta podería anunciar o resultado durante o Entroido para minimizar o impacto.
Presas esixiu “transparencia e valentía” á Xunta, reclamando que se aclare se a licitación quedou deserta ou quen obtivo a adxudicación, así como o cumprimento dos prazos de apertura. Ademais, o BNG acusou ao PP de incumprir a súa promesa de 2016 de optar por unha xestión pública e directa, cualificando esta decisión como unha falta de respecto a Ourense e ás familias afectadas.