A voceira do BNG do Carballiño ven de demandar a paralización da contratación do servizo de augas do Carballiño, un contrato a 20 anos co valor de 55 millóns de euros, que con impostos sube até os 60 millóns, ante as acusacións vertidas polo voceiro do PP, Pepe Castro, dunha situación de corrupción contra o grupo municipal de Espazo Común e o grupo dos futuribles socios de goberno de Pepe Castro, o grupo do PSOE.
A nacionalista dá ese paso tras coñecer as afirmacións do representante do PP na Xunta de Portavoces no Carballiño, Pepe Castro, de que empresas que optan a ese contrato se puxeran en contacto con representantes políticos da Mesa de Contratación do concello, PSOE e Espazo Común, para ofrecer cartos a representantes destas formacións.
Era na maña de hoxe cando no transcurso da Xunta de Portavoces, o representante do PP afirmaba que non aceptaba o acordo preexistente de que na Mesa de Contratación ademais dos técnicos estivese un representante do goberno e un representante da oposición, PSOE e Espazo en Común. Estas afirmacións do Partido Popular xa foran insinuadas crípticamente nunha entrevista ao seu portavoz.
O contrato de augas supón o contrato máis importante desta vila, 55 millóns, e aínda que estamos de acordo con que formen parte da Mesa de Contratación xunto aos técnicos os representantes públicos, como xa estaba acordado, sinala a voceira nacionalista do Carballiño, resulta inaceptable que se poida continuar adiante sen esclarecer as acusacións feitas polo representante do PP contra o PSOE e Espazo Común.
Demandamos non só a paralización do proceso de contratación, senon tamén que o PP revele toda a información da que dispón e que a poña en mans da fiscalía, non só o nome dos cargos públicos implicados e que non deron parte do intento de suborno senón tamén das empresas implicadas en estes actos ilícitos.
Xa adiantamos, manifestou Sofía García, que se o representante do PP e posible alcalde do Carballiño, tras o pacto co alcalde do PSOE, o que proceda a actuar coherentemente, demandaremos que sexa a propia institución municipal a que actúe para clarificar estes feitos ante a fiscalía, que será o que demandaremos na Xunta de Portavoces que xa solicitamos, por rexistro, que se convoque de forma urxente.