O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denuncia que o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, realizou alegacións a título individual contra as modificacións de crédito do Concello que se debaterán na sesión plenaria que terá lugar o vindeiro mércores, 13 de xullo.
O alcalde sinala que “estas alegacións, feitas á marxe da propia organización á que pertence o señor Villarino, poderían significar que o PSOE non o apoia no seu burdo intento de frear investimentos para a cidade de Ourense”. As alegacións asinadas polo voceiro socialista din expresamente que estas son só na súa propia persoa.
Para Gonzalo Pérez Jácome, está claro que “é incrible como o número un do PSOE provincial e voceiro municipal loita á marxe do seu partido para que Ourense non poda investir o diñeiro do Concello parado nos bancos”. “Villarino parece seguir a filosofía de: canto peor Ourense, mellor para el”.
As alegacións do voceiro socialista son as seguintes:
- Resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación orzamentaria 5P/2022 crédito extraordinario e suplemento de crédito para diversas actuacións de medio ambiente.
- Resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación orzamentaria 6P/2022 (crédito extraordinario e suplemento de crédito para gastos da Concellería de Artes e Festexos).
- Resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación orzamentaria 8P/2022 (crédito extraordinario e suplemento de crédito para gastos da Concellería de Seguridade Cidadá).
- Resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación orzamentaria 10P/2022 (crédito extraordinario e suplemento de crédito para gastos da Concellería de Turismo, Termalismo, Participación Cidadá e Xuventude).
- Resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación orzamentaria 12P/2022 (crédito extraordinario para gastos de promoción económica).
- Resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación orzamentaria 13P/2022 (crédito extraordinario e suplemento de crédito para gastos de mobilidade e transporte).