Luis Menor sinala que o Premio Ourensanía 2024 outorgado a Olegario Vázquez Raña «conecta co máis profundo da idiosincrasia ourensá: a emigración»

Premio Ourensanía
Premio Ourensanía

O Teatro Principal acolleu esta domingo o acto solemne de entrega do Premio Ourensanía 2024 a Olegario Vázquez-Raña, empresario afincado en México que nunca esqueceu as súas raíces na provincia e que acode varias veces ao ano ao municipio de orixe da súa familia, Avión. A cerimonia, conducida pola xornalista Sonia Torre, contou coas actuacións da Real Banda de Gaitas e da Orquesta Sinfónica «Ourensanía», así como coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; do presidente da Deputación, Luis Menor; e do galardoado, Olegario Vázquez-Raña, quen se mostrou emocionado pola distinción recibida.

Luis Menor enxalzou a «conexión emocional» que supuxo a concesión deste galardón, nomeadamente a conexión que vincula á provincia coa emigración: «Ourense é unha provincia emigrante e Olegario Vázquez Raña exemplifica a audacia, o esforzo, o sacrificio e o traballo daqueles que se viron obrigados a deixar a súa terra para buscar un porvir; e aínda atopándoo, nunca esqueceron as súas raíces».

Por iso, e porque é difícil atopar a unha persoa en Ourense que non teña vínculos coa emigración, «é polo que o Premio Ourensanía deste ano conecta co máis profundo da idiosincrasia ourensá», expresou o presidente provincial, quen abundou en que a través de Olegario Vázquez Raña, «facemos partícipes deste premio aos milleiros de galegos na diáspora e que desde outros lares contribuíron a manter viva a nosa terra nos momentos máis complicados».

Menor tamén fixo un repaso á traxectoria vital, empresarial e deportiva do Premio Ourensanía 2024, co tiro olímpico como unha das súas grandes paixóns, xunto á súa familia, o piar fundamental da familia Vázquez Raña. Precisamente, o presidente provincial fixo súas unhas palabras da dona do premiado, María de los Ángeles Aldir: «Para el non existía o cansanzo nen o tropezo, sempre se levantaba co firme propósito de ser mellor cada día», manifestando así o inspirador modo de vida dunha persoa que é «todo un orgullo para esta provincia e para esta Deputación», concluíu o presidente provincial.

Galicia, territorio fértil para emprender

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo destacar a contribución de toda a emigración, e nomeadamente de empresarios como Olegario Vázquez Raña, «á hora de transformar a Galicia nunha terra moderna e con oportunidades para emprender e traballar».

«A nova Galicia é un territorio fértil para emprender, traballar e triunfar grazas a esa xente que saíu cando todo estaba máis difícil», apuntou. «Olegario é un home de mundo que nunca esqueceu as súas raíces; un home incansable, valente, con valores familiares e gran deportista», afirmou Rueda, en referencia isto último aos «enormes éxitos» que colleitou na disciplina de tiro olímpico.

O titular do Executivo galego valorou como a emigración galega axudou a construír Galicia desde o exterior, ao tempo que tamén se integraban nas súas sociedades de acollida. Neste sentido, puxo en valor o «carácter aberto» da galeguidade que axudou a establecer comunidades fortes e que «busca por enriba de todo a unión».

«Afortunado de vivir entre dúas terras»

O Premio Ourensanía 2024, Olegario Vázquez Raña, confesou que recibir o Premio Ourensanía «é profundamente emotivo, non só como empresario e deportista, senón como esposo, pai e amigo». Durante o seu discurso, o homenaxeado subliñou o «traballo constante» como o «verdadeiro valor da vida». «A disciplina constitúe soños», sinalou.

Olegario Vázquez Raña agradeceu tamén a familia, equipo e amigos a súa compañía en cada logro e desafío. «A miña vida foi un reflexo de amor e comprensión e son afortunado de vivir entre dúas terras que amo profundamente, España e México». 

O premiado fixo un repaso pola súa vida, contando anécdotas como o desexo da súa muller de celebrar a lúa de mel só se ían a Galicia, historia que arrincou sorrisos entre o público. «Este recoñecemento é moi importante para toda a miña familia», subliñou o premiado, emocionado por recibir «a corazón aberto porque está é a terra dos meus papás e a miña propia terra. Eu debo a esta terra moitas cousas».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad