O candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, pediu hoxe o apoio de compromisarios e militancia para fortalecer o ideario do PP: «presenza no territorio, escoita e procura de solucións á xente»
Luis Menor, na súa primeira intervención ante o plenario do 19º Congreso extraordinario provincial que se celebra no Pazo do Deportes Paco Paz, agradeceu «a imaxe de mobilización do partido» á que contribúen coa súa presenza os 695 compromisarios e 1.500 invitados.
Neste sentido puxo en valor a resposta á súa petición para converter esta cita «no congreso da xente», demostrando que o PP «é a única formación que pode presumir de milleiros de militantes comprometidos, voluntariosos e sempre dispostos a botar unha man sen pedir nada a cambio».
O congreso deste sábado, destacou, pon fin a unha situación de transición na que, con todo, «demostramos ter moitas ganas de partido e de trunfos», en referencia aos resultados das eleccións autonómicas e europeas, así como á participación de máis de 700 persoas no percorrido que realizou todas as comarcas da provincia como candidato.
14 PROPOSTAS DE PROGRAMA
Para esta nova etapa do PP, Luis Menor advertiu que «precisamos ter claro o noso rumbo, como se organiza o traballo político e como se funciona», os piares dun programa de traballo estruturado en propostas de organización e funcionamento.
Con respecto á organización, o candidato citou a creación dunha asesoría xurídica, a recuperación do Comité de Portavoces, a posta en marcha dun órgano de Igualdade; un Consello de Veteranos: dar máis espazo á mocidade; prestar especial atención á emigración desde un órgano específico; consolidar as xuntas locais da provincia e da cidade, coa vista posta nas municipais de 2027; manter a estrutura comarcal; e un órgano de atención á militancia e de afiliación.
No que se refire ao funcionamento do partido, propuxo unha interparlamentaria provincial para sumar esforzos entre os nosos cargos electos; potenciar a coordinación entre administracións e os representantes do partido nas institucións; poñer en marcha un área de formación, tanto para as persoas que se incorporan á vida política como para os dirixentes con experiencia; explorar novas vías de comunicación coa militancia e a sociedade en xeral; abrir as sedes de tal modo que sexan un espazo de encontro para a cidadanía; e organizar unha romaría ou convención anual, ofrecendo á militancia unha xornada de festa e confraternización.
CANDIDATURA DE RENOVACIÓN E CONTINUIDADE
O candidato subliñou que para ser quen de desenvolver este programa compre «un amplo equipo de persoas», unha lista que recoñeceu «non foi doada de facer. Así, presentou na súa intervención unha candidatura que cualificou de «renovación, pero tamén de continuidade, que incorpora a persoas de todas as idades, de todos os sectores de actividade; e sobre todo de todos os territorios da provincia».
A todas as persoas que figuran nesta candidatura pediulles «compromiso, porque ides representar a todo un partido e iso son palabras maiores».
Con Luis Menor como presidente, Marta Novoa na Vicepresidencia e Sandra Quintas como secretaria xeral, o candidato detallou unha candidatura que inclúe 13 vicesecretarías, 9 comités de traballo e 14 coordinadores de área.