O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres asistiron hoxe en Santiago de Compostela á presentación das principais características do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense.
Un acto presidido pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e no que participou unha ampla delegación das entidades que conforman o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), co seu presidente, Ramon Sestayo, ademais do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón.
Luis Menor agradeceu a invitación realizada pola conselleira para coñecer de preto os detalles dun centro que, como avanzou a titular de Política Social e Igualdade, está previsto que entre en funcionamento no mes de abril.
O presidente da Deputación tivo a oportunidade de escoitar as consideracións e suxestións realizadas polas entidades sociais acerca do propio centro e o modelo de xestión proposto, destacando ao remate do encontro «a ampla experiencia que teñen estes colectivos, avalada ademais polo recoñecemento do seu labor no conxunto da sociedade».