La Diputación de Ourense lanza la primera Oficina Termal AVE de España

Oficina Termal AVE
Oficina Termal AVE

A Deputación de Ourense vén de presentar esta mañá a primeira Oficina Termal AVE de España, situada na propia Estación Ourense Empalme grazas a un acordo acadado pola institución provincial (a tráves da Área de Benestar) con ADIF a finais do pasado ano 2024. Trátase, en palabras de Luis Menor, «dunha nova acción innovadora para promocionar o Termalismo provincial», motivo polo que amosou o seu agradecemento á Área de Benestar da Deputación polo seu afán en innovar no ámbito termal.

O presidente provincial asistiu á apertura desta pioneira instalación en compañía do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, do director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, e de representantes de balnearios da provincia, entre os que estaba o director xerente de Caldaria, Javier Soto, quen a calificou de «excepcional para todo o sector ouresán e un antes e un despois para a promoción do termalismo da nosa provincia».

Despois de realizados todos os trámites administrativos co administrador ferroviario e a posterior adecuación do espazo, situado na propia entrada principal da estación (con acceso desde o vestíbulo central), a Oficina ten o obxectivo de promocionar os balnearios da provincia e o Programa de Termalismo social provincial 2025, do que se iniciou recentemente o prazo de solicitudes.

Noutras estacións de tren existen xa puntos de información turística xeneralistas, pero o caso de Ourense será o primeiro de toda España especializado en balnearios e nun programa de termalismo social, tal e como precisou o presidente provincial, Luis Menor. A Oficina Termal AVE será fundamentalmente dixital e terá un horario de apertura idéntico á propia estación, de 6:30 a 23:30, 17 horas diarias. Esta oficina experimental arrinca cunha formulación inicial de permanecer aberta durante 18 meses, período no que se realizarán varias avaliacións intermedias para analizar se a Oficina cumpre os seus obxectivos.

Espazo por e para os balnearios

A Oficina Termal, en palabras do director da Área de Benestar, José Juan Cerdeira, «será un espazo por e para os balnearios da provincia» e espérase que contribúa a que os centos de miles de persoas que anualmente pasan pola estación de tren ourensá coñezan mellor a realidade termal da provincia, que poidan acceder a promocións, e sobre todo, que asocien a alta velocidade ferroviaria como posibilidade de mobilidade e proximidade aos balnearios da provincia de Ourense.

De feito, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, cifrou o obxectivo xeral da Oficina Termal: que a súa porta sexa cruzada neste 2025 por 100.000 persoas que obteñan información dos balnearios da provincia e do programa de termalismo provincial. Segundo o recente balance de pasaxeiros por estacións publicado por RENFE, 2.205.864 subíronse ou apearon na Estación de Ourense ao longo de 2024. Deles, 1.124.971 pasaxeiros utilizaron a liña a Madrid mentres que 1.079.893 computáronse no corredor Avant a Santiago e A Coruña.

Espazo promocional

A Oficina será un espazo por e para os balnearios. Aínda que estea coordinado desde a Deputación, estará a plena disposición dos centros termais, non só para que teñan información dos seus servizos balnearios, senón tamén para que poidan realizar promocións ou eventos na estación.

A Oficina Termal como espazo físico pretende achegar aos seus visitantes aos balnearios a través de diferentes referencias aos centros termais. A nivel de localización, recréase ambiente de natureza, por iso é polo que o «céspede» sexa un elemento con referencias á contorna verde no que se sitúan os balnearios, complementado con elementos de ornamentación vexetal que xeren atractivo visual e interese por traspasar a porta da Oficina, invitación que se ve apoiada no son de auga  que traspasa o limiar e contextualiza o ambiente das piscinas de auga mineromedicinal. As referencias visuais complétanse con albornoces e sandalias como elementos de decoración e de identificación clara cos balnearios.

Sistema de monitorización e seguimento de obxectivos

Desde o día 20, data da apertura ao público xeral, vai ser medido xa que a Oficina disporá dun sistema de contabilización automática e dixital das persoas que a visitan, de maneira que non só póidase totalizar o número de persoas que traspasan o limiar da oficina, senón que se rexistrará de maneira anonimizada a hora das entradas, o que permitirá monitorizar o número de visitantes por cada día da semana e franxa horaria; cruzando estes datos cos horarios de chegada e saída de trens poderase estimar e poñer en coñecemento dos balnearios as horas de maior afluencia na Oficina para poder realizar promocións ou eventos nos mesmos.

Ademais, a maior parte da información termal da Oficina será dixital e accesible a través de códigos QR, o que permitirá coñecer o número de descargas individual, en función diso decidirase mensualmente que tipo de información é de maior interese e  cal hai que ampliar, manter ou reducir.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad