
“A patronal do comercio de alimentación de Ourense está sentada enriba dun polvorín, e só fai falta que alguén prenda a mecha para que estoure”. Deste xeito sintetizou hoxe o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, a situación dun sector que se atopa en plena negociación do convenio colectivo provincial. Dende a central sindical instan o empresariado a cambiar de actitude e a ter en conta as propostas da parte social, xa que do contrario non descartan folga e mobilizacións.
O máximo responsábel da CIG-Ourense compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a delegados/as da central sindical que fan parte da mesa negociadora para dar conta do estado das conversas e facer un chamamento aos tres grupos empresariais maioritarios (Gadis, Froiz e Cuevas) a tomar en consideración as propostas da CIG. “Ademais das necesarias melloras en categorías, horarios, conciliación, licencias e pluses de formador/a a nivel económico o único que reclamamos é que se faga un cálculo para actualizar os soldos en 2024 conforme ao IPC dos catro anos de vixencia do convenio”.
A partir de aí a central demanda un incremento dun 5% cada un dos anos de vixencia seguintes, cunha cláusula de revisión salarial que garanta a recuperación dos soldos no caso de que o IPC se dispare. “Esta cláusula vai ser unha liña vermella para nós, até o punto de que non imos asinar ningún acordo que non a contemple”.
Xa que tal e como lembrou Pérez Carballo o sector atravesa unha boa situación económica, rexistrando importantes beneficios. E durante o anterior convenio (2021-2024) a suba salarial foi unicamente mediante incrementos lineais de 25 euros en cada unha das 15 pagas o primeiro ano, 27 o segundo e 30 o terceiro e o cuarto. Mentres que o IPC foi do 6,5% en 2021, do 5,7% en 2022, do 3,1% en 2023 e do 2,8% en 2024, polo que cada persoa traballadora perdeu 3338 euros.
“De xeito que o soldo da categoría intermedia (caixeira/o), por exemplo, foi de 16.198 euros en 2024,cando nestes momentos o salario mínimo está en 16.576 euros. Polo que os salarios no comercio de alimentación están por debaixo do SMI. Ademais, é o único sector do comercio de toda a provincia que non ten plus de antigüidade, como así o teñen os de metal ou téxtil”. Neste senso, sinalou que o salario medio no comercio en Galiza en 2023 (últimos datos do IGE) situouse nos 22.417 euros, mentres que o salario medio dunha caixeira/o é de 15.478 euros.
“Esta é a realidade do sector: salarios de miseria que contrastan cos beneficios dos tres grupos que negocian o convenio na provincia de Ourense (Gadis, Froiz e Cuevas)”. Gadis tivo un beneficio neto de máis 89 millóns de euros en 2022, e de 146 en 2023 (incremento do 64,26%). Froiz rematou 2022 con 11 millóns euros despois de impostos, cifra que duplicou en 2023. E Cuevas gañou case 5 millóns en 2022 e case 8 en 2023. Incrementos de beneficios “estratosféricos”. Pola contra, o incremento medio dos salarios foi do 8% en Gadis, do 5,1% en Froiz e do 4% en Cuevas.
“A pesar disto, na primeira xuntanza da mesa de negociación tivemos que escoitar por parte de responsábeis de recursos humanos das empresas barbaridades como “nos vos queixedes que polo menos tedes traballo, e ademais cada ano subimos algo os salarios”. “Ademais de practicamente acusar ao persoal, que se atopa extenuado (non se cobren baixas, dobran quendas, carga de traballo e xornadas abusivas), de coller baixas por vicio”, polo que consideran o verdadeiro problema que hai que resolver é o absentismo laboral”.
Para o responsábel sindical o que pretende a patronal con estas mensaxes “é recortar” o único que ten bo o actual convenio, que é que se cobra o 100% do soldo estando de baixa”.
Por iso a representación da CIG advertiulle á patronal nesa xuntanza “que están sentados enriba dun polvorín, e só falta que alguén prenda a mecha; como veñan coa mesma actitude á seguinte reunión está claro que o conflito estará servido”.
Finalmente, instan o empresariado a recapacitar e recoméndanlle que analice a situación “e que teña en conta que estamos ás portas do primeiro conflito no sector do comercio de alimentación da provincia, xa que non descartamos mobilizacións e mesmo folga porque a xente está tan farta da situación que está disposta a chegar a onde sexa”.