Jácome critica como “aldraxe” o proxecto da Xunta para conectar a N-525 e a Avenida de Zamora

Planos da comexion da N525 coa Avenida Zamora
Planos da comexión da N525 coa Avenida Zamora

O goberno municipal do Concello de Ourense reproba o “descafeinado” proxecto redactado pola Xunta de Galicia para conectar a Nacional 525 coa Avenida de Zamora. O servizo de Urbanismo recibiu estes días para informe a nova proposta realizada polo goberno autonómico, que difire e recorta substancialmente a que estaba acordada previamente para esta vía.

O novo deseño adoece de graves eivas, non se adapta ao planeamento urbanístico, recorta o número de carrís e non chega, como estaba acordado, até o Complexo Hospitalario, asegura o goberno municipal que insta o autonómico a retomar o deseño inicial. Argumenta que o novo proxecto da Xunta “non respecta as previsións de trazado xeral e planta do novo plan xeral de urbanismo en tramitación, dos que a Xunta ten abundante coñecemento, e que o Concello sempre defendeu”.

Ademais, a sección que prevén os estudios é claramente disfuncional: “sería unha especie de estrada de dobre sentido, que resulta insuficiente para absorber o tráfico de entrada á cidade. Suporá atascos e problemas de circulación que afectarán a vehículos de emerxencias, especialmente as ambulancias que se dirixan ao Complexo Hospitalario”.

Tamén advirte que “os estudos previos non teñen en conta a orografía do terreo nin a protección patrimonial do Camiño Romano; non resolve a accesibilidade aos equipamentos dotacionais docentes e asistenciais existentes no seu trazado nin atende aos viarios preexistentes”. Tamén, engade que “afecta significativamente aos futuros desenvolvementos urbanísticos previstos, moi especialmente ao sector de solo urbanizable SU 26 do novo plan xeral, dado que invade espazos previstos para dotacións públicas e as futuras parcelas edificables e non respecta os documentos xa redactados e aprobados polo Concello”.

Todo isto o converte ”nunha especie de vía provisional que terá que ser substituída no futuro, a medida que se vaian desenvolvendo as actuacións de urbanización e edificación nas dúas marxes, por unha vía definitiva adaptada ás previsións do planeamento xeral. Isto pon de manifesto unha inaxeitada utilización dos fondos públicos porque gran parte do que se constrúa terá que ser demolido ou readaptado no futuro”

Acordo plenario

O trazado deste proxecto foi obxecto dun acordo no pleno ordinario do mes de xaneiro: Instar á Xunta de Galiza a execución total da vía de conexión entre a N-525 e o barrio de Barrocás que figura no PXOM de 2013, actualmente en trámite e cuxo obxectivo é a mellora dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e a desconxestión do tráfico nas rúas Marcelo Macías e Ramón Puga.

O acordo foi aprobado polo Pleno do Concello, por dezaoito votos a favor do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, e sete abstencións do Grupo Municipal do Partido Popular.

“A última aldraxe para con Ourense”, asegura o alcalde

O alcalde denuncia que “estamos ante a última aldraxe para con Ourense, onde os proxectos da Xunta se revisan sempre á baixa e de costas á cidadanía”. Asegura que “a serie de actuacións que quedaron lonxe das expectativas dos ourensáns é longa”, e cita “a interminable renovación do Complexo Hospitalario, mentres noutras cidades se executaron con celeridade hospitais totalmente novos; a reforma da avenida Otero Pedraio, desatendendo a demanda cidadá de soterrar un treito como se fai noutras urbes; a decepcionante estación de autobuses, máis aínda se se compara coa de Santiago por exemplo; actuacións en sendas peonís que non foron consensuadas nin co Concello nin coa veciñanza; obras como a da avenida Marcelo Macías cheas de polémica, a intervención no estadio do Couto, que é de propiedade da Xunta, cun investimento moi inferior ao que a Xunta executou en Lugo nun estadio que nin é seu nin o precisaba tanto, a construción do seu edificio administrativo nas Lagoas que non arranca…”

Conclúe Pérez Jácome que “chove sobre mollado. Estamos ante unha longa serie de aldraxes e agravios comparativos á que hoxe temos que engadir un máis, neste caso moi grave porque afecta de cheo a un importante e sensible eixo da mobilidade da cidade. Doe moito ver como a Ourense se a condena a actuacións low cost e se lle nega algo tan importante como dotar de dobre carril por sentido a unha vía estratéxica, mentres vemos que noutras cidades se fan circunvalacións de ata catro carrís por sentido”. 

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad