
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, considera “gravísimo” que o goberno de España lle proporcione ao grupo municipal socialista “información privilexiada” que non lle facilita de forma oficial ao propio Concello.
O executivo local denuncia esta situación logo de que hai uns días o grupo do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense comunicase publicamente a presunta denegación da solicitude de axuda realizada polo Concello ao Ministerio de Transportes (MITMA) para realizar un proxecto de rehabilitación do edificio da antiga prisión provincial, na rúa do Progreso. O grupo socialista manifestou que fora denegada, cando o Concello de Ourense aínda non recibiu ningunha comunicación oficial sobre o resultado desta convocatoria.
“Consideramos gravísimo que a suposta denegación de subvención a comunicase hai uns días o grupo do PSOE municipal, cando o Concello non recibiu notificación ningunha ao respecto. É máis, houbo consultas de funcionarios municipais ao ministerio no mes de decembro de 2024 e no mes de abril de 2025, e non nos informaron de nada. Só nos mantiveron á espera”, aseguran desde o grupo de goberno, que cualifica de ”gravísimo o que ocorreu, xa que o PSOE local está manexando información privilexiada que lle están dando por ser do mesmo partido.”
O goberno municipal entende que este comportamento “é unha absoluta falta de respecto institucional e unha forma completamente errada de como debe ser a comunicación entre administracións públicas, especialmente cando se trata de xestionar fondos de proxectos estratéxicos para unha cidade”.