O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome avanzou esta mañá en rolda de prensa a folla de ruta do goberno municipal para o mandato que rematará en 2027. O rexedor sinalou obxectivos como aprobar unha nova relación de postos de traballo, novos orzamentos municipais (co apoio doutros grupos políticos, xa que requiren de maioría absoluta do pleno ou, se fose necesario, a través dunha cuestión de confianza), ou dar pasos adiante na aprobación dun novo Plan de Urbanismo, pendente nestes momentos dun informe xurídico para ser presentado a aprobación provisional e posterior informe da Xunta, incorporación de modificacións e exposición pública antes da aprobación definitiva.
En materia tributaria, explicou que presentará a aprobación do Pleno novas ordenanzas fiscais, coa finalidade de establecer a gratuidade do servizo de autobuses urbanos, eliminar a ORA, baixar ao mínimo o imposto de vehículos, manter no mínimo o IBI, e actualizar outras taxas e tarifas, como as de agua e a de recollida de lixo.
En contratación, afirmou que no mes de marzo se licitará o servizo de autobuses urbanos, que irá acompañado dunha profunda remodelación de liñas. A esta licitación seguirán as dos contratos dos servizos de limpeza viaria e recollida de residuos, guindastre e ORA e outros que están actualmente en precario. Tamén dixo que o Concello sacará a concurso de novo un plan de choque de mantemento das rúas da cidade e un contrato para substituír as luces urbanas por outras novas, tipo LED, que rexistran un consumo moi inferior. O alcalde prevé que en xullo comecen as obras do parque de Canedo, con aparcamento e piscinas, que podería estar rematado no verán de 2026.
Pérez Jácome sinalou que solicitará unha xuntanza con Alfonso Rueda para solicitar o apoio da Xunta de Galicia a diferentes proxectos municipais, como o de plantación de árbores para duplicar o número de exemplares da cidade coa finalidade de combater o cambio climático, ou o futuro parque acuático termal, nos terreos que ocupa o antigo matadoiro, cuxa demolición está a executar actualmente o Concello.
Avanzou un novo modelo de termalismo, que abandone o “modelo cutre” actual por un “de calidade”, con dous novos balnearios de iniciativa privada e concesións para a explotación por parte de empresas das instalacións termais das marxes do río Miño e As Burgas, mantendo a gratuidade para a veciñanza de Ourense, e cobrando entrada aos turistas.
Outros proxectos que enunciou o rexedor son a instalación de ramplas mecánicas na Cuña, e na Rampla de Sas, o ascensor que comunicará a Avenida de Santiago e a Avenida de Marín, e un aparcamento na rúa Salvador Dalí, no barrio do Couto, dotado con 400 prazas, que se unirá a outro baixo a Praza de Concepción Arenal, que o Concello prevé remodelar e peonalizar, soterrando o tráfico rodado na zona, nunha obra cuxa execución irá a cargo do futuro contrato do servizo de augas.
A máis curto prazo, Pérez Jácome anunciou que este mes haberá “pequenos movementos” na asignacións de competencias nos concelleiros e concelleiras do goberno municipal como consecuencia da incorporación do edil Armando Ojea ao Parlamento de Galicia
O alcalde explicou tamén que proximamente se publicará na web do Concello o “Ourense ideal”, un documento que recollerá os proxectos que a cidade precisa desenvolver cada o futuro co seu cronograma e a situación en que se atopa cada un deles.