Nota de prensa enviada por la Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo.
Diante da demora na convocatoria por parte do concello de actividades para as nenas e nenos nos Centros Cívicos para a conciliación familiar, que se estaban a desenvolver con éxito nos distintos centros do concello, hai un mes solicitamos formalmente, por escrito, que se mantivera esta iniciativa e se realizase a convocatoria a maior brevidade, para poder organizarse as propias familias. Mantivéronse contactos con responsables do goberno municipal anterior e coa propia Coordinadora de Centros Cívicos, onde se lle trasladou a nosa petición e a nosa preocupación.
Constituída a nova Corporación Municipal, tras o nomeamento da nova concelleira de Asuntos Sociais Dª Ana Fernández Nieto, a semana pasada solicitamos unha reunión coa mesma. Este martes, cunha dilixencia que agradecemos, a concelleira contactou telefonicamente co presidente veciñal, Xosé Carballido, para comunicarlle que este ano NON haberá convocatoria por estar esgotado o presuposto. Tras a nosa insistencia na busca de posibles solucións, reitera que non é posible prometendo, iso si, que «para o ano que ven, vaise incrementar o orzamento adecuadamente».
Esta supresión produce unha gran indignación en Seixalbo pois non se entende como unha actividade que estaba realizándose regularmente e con éxito non estaba debidamente presupostada ou no caso de estalo, a modificación do destino dos fondos previstos. Por outro lado, resulta de difícil comprensión a facilidade coa que se poden contratar festas e outros eventos de contía infinitamente maior e resulta imposible a contratación dun reducido número de monitores e monitoras que permitan esta actividade de tanto interese para as familias.
Debemos lembrar que, habitualmente, os centros cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo acollían por quincenas e durante os meses de Xullo e Agosto actividades lúdico-educativas destinadas as nenas e nenos de 3 a 12 anos, tanto de mañá como de tarde. Estas actividades supoñen unha oportunidade en pe de igualdade para todas as nenas e nenos da cidade e facilitan a conciliación das familias durante os meses de verán. A convocatoria realizábase tradicionalmente a principios de xuño, o que permitía ás familias contar con estas actividades para conciliar durante o verán e organizarse no seu contorno.
Compre lembrar tamén que na convocatoria de anos anteriores, o propio concello establece como obxectivos: «… promover que os menores se poidan converter en axentes de cambio social identificando a realidade do seu barrio e a súa contorna, no marco das accións encamiñadas a dar cumprimento aos obxectivos do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense»
Xosé Carballido Presas.
Presidente Asociación Veciñal San Breixo de SEIXALBO