
Ribadavia realizará unha serie de actividades ao longo do mes de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller, con iniciativas que combinan educación, cultura e tradición local para promover a igualdade de xénero.
O alcalde, César Fernández, destacou que «desde o Concello de Ribadavia queremos destacar a importancia do Día Internacional da Muller como unha xornada de reflexión, reivindicación e celebración dos logros alcanzados na loita pola igualdade. Este ano, organizamos unha programación variada para involucrar a toda a cidadanía ao longo do mes de marzo na celebración desta efeméride».
A programación arrinca cun concurso de debuxo titulado «Debuxa Igualdade», dirixido ao alumnado de primaria, para que os máis pequenos poidan expresar a súa visión sobre a igualdade a través da arte. As obras entregadas estarán expostas na Casa da Cultura do 20 ao 31 de marzo.
Do 10 ao 14 de marzo, celebraranse obradoiros para a igualdade en distintos centros sociais do municipio, creando un espazo de debate e aprendizaxe sobre o papel da muller na sociedade.
O venres 15 de marzo, a música será protagonista co concerto pola igualdade do grupo Soul & Roll na Praza Maior (ou na Casa da Cultura en caso de choiva), cunha actuación que combinará lecer e reivindicación.
A tradición vitivinícola da comarca tamén terá o seu espazo co evento do 22 de marzo, unha Cata de Viño protagonizada por enólogas e colleiteiras do Ribeiro, que compartirán a súa experiencia e coñecemento sobre o sector. As inscricións están abertas ata esgotar prazas a través do correo servizosociais@ribadavia.es.
«O concurso ‘Debuxa Igualdade’ é unha oportunidade para que o alumnado de primaria reflexione sobre a igualdade de xénero a través da arte, fomentando valores de respecto e equidade dende a infancia», explicou o alcalde. Ademais, subliñou que os obradoiros serán unha plataforma de aprendizaxe e reflexión para toda a cidadanía.
O Concello de Ribadavia convida a toda a veciñanza a participar nestas actividades e reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e igualitaria, porque «a loita pola igualdade é unha tarefa de todas e todos», incide o alcalde, César Fernández.