
A 62º Feira do Viño do Ribeiro converterá Ribadavia os próximos 1, 2, 3 e 4 de maio no epicentro da gastronomía e o enoturismo en Galicia. O evento, impulsado polo Concello de Ribadavia e o Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro (CRDO Ribeiro), chega á súa 62 edición como evento referencial no panorama vitivinícola. “A Feira permite trasladar a historia do viño do Ribeiro e da DO máis antiga de Galicia, á Galicia do século XXI”, destacou esta mañá César Fernández, alcalde de Ribadavia, na presentación oficial da cita.
O rexedor puxo en valor o papel da Feira do Viño na difusión e promoción dos caldos do Ribeiro, pero tamén como espazo “de orgullo” do bo facer na comarca. “É unha ocasión para amosar o orgullo do noso territorio sobre o ben que se están facendo as cousas na DO Ribeiro e o bo traballo de viticultores, adegas e colleiteiros”, sinalou Fernández, quen destacou os máis de 50 premios e recoñecementos acadados polos produtores ao longo do último ano. Nesa liña, recordou o importante peso do sector vitivinícola: “Temos que seguir apostando polo viño como elemento de dinamización fundamental do noso territorio”.
Concha Iglesias, presidenta do CRDO Ribeiro, tamén enxalzou o traballo levado a cabo polos produtores e a calidade dos caldos da comarca. “Temos uns viños que son unha verdadeira marabilla, de aí a cantidade de premios colleitados nestes anos e que seguirán colleitando no futuro. Iso amosa o ben que o están facendo todas as persoas que forman parte da DO”, asegurou. Aproveitou a presentación para convidar a toda a poboación -“tanto a que coñece o Ribeiro como a que non”- a achegarse á Feira e probar “os nosos viños”.
A oferta enogastronómica da Feira, sumada ás datas escollidas (o 1 de maio é festivo nacional), anticipa unha moi boa participación. “Entendemos que este cambio de data é positiva para aproveitar o 1 de maio, xoves, que pode darnos esa ponte para que haxa unha afluencia masiva de visitantes”, apuntou César Fernández. De feito, a organización agarda que a presenza de persoas de fóra de Galicia siga medrando, na liña dos últimos anos.
O pregoeiro da 62º Feira do Viño do Ribeiro será Alejandro Blanco (Ourense, 1950), presidente do Comité Olímpico Español (COE) desde 2005. “É un pregoeiro de honra, e pensamos que a súa participación tamén nos permitirá darlle esa visibilidade alén das fronteiras galegas ao noso viño”, resaltou o rexedor.
Cata popular e programación variada
A cata popular, unha das citas máis exitosas da Feira, levarase a cabo desde o venres pola tarde ata o remate da xornada do sábado. “O domingo, ás dúas da tarde, entregaremos os premios da cata, algo moi importante para a xente que participa como público, pero tamén para as adegas que ven a acollida dos seus viños”, explicou Concha Iglesias.
A programación tamén inclúe actividades xa habituais como os showcookings con chefs de recoñecida traxectoria, paseos no tren turístico ou actuacións musicais. Ademais, a Feira volverá contar cun espazo de conciliación para que as familias poidan desfrutar do evento.
O rexedor agradeceu a colaboración de entidades como a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia, que “sempre botan unha man para que este evento sexa unha realidade”.