
A feira científica Galiciencia conmemora este ano o seu 20 aniversario. Entre as actividades que se están a programar para celebralo, o vindeiro 26 de abril terá lugar un espectáculo de ciencia no Auditorio de Ourense, de 11:00 a 12:30 horas. Está dirixido ao público en xeral, en particular a familias e rapazada a partir de 12 anos. É gratuíto ata completar aforo pero cómpre facer unha reserva previa a través da páxina web https://galiciencia.com/es/espectaculo-cerebrum/.
O espectáculo científico “Cerebrum” preséntase como un show que permitirá descubrir os misterios do cerebro, unha experiencia fascinante onde a ciencia e o teatro se fusionarán para explorar o órgano máis complexo do corpo humano, con experimentos en directo. Para iso contarase coa colaboración do neurocientífico Casto Rivadulla e do actor apaixonado pola ciencia Vicente Mohedano.
No transcurso desta experiencia amosarase ao público asistente como funciona o noso cerebro, como construímos a realidade e mesmo como podemos adestrar o cerebro para superar as súas limitacións. Trátase dun show no que predomina o humor e dramatización, sen perder o rigor científico. Será unha viaxe apaixonante pola mente humana, un espectáculo para aprender, sorprenderse e achegarse á neurociencia dun xeito moi ameno e divertido.
Casto Rivadulla é catedrático de Fisioloxía na Universidade da Coruña, onde coordina o grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom), ao tempo que destaca o seu labor como divulgador científico. Colabora nesta edición de Galiciencia, dedicada a “Neurociencia e saúde mental”, como asesor e tamén como coordinador do espectáculo «Cerebrum». Estuda como funcionan as neuronas e ten traballado en proxectos para avanzar no tratamento de doenzas como o párkinson ou a epilepsia. Foi investigador na Universidade Rockefeller de Nova York e no Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT). Pola súa parte, Vicente Mohedano é actor con formación en Bioloxía, especializado en divulgación científica a través do teatro, e colaborador habitual de Galiciencia, impartindo talleres para a mocidade que participa na feira cada ano.
Tecnópole e Galiciencia
Galiciencia está promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Situada no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, Tecnópole leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. O Parque está comprometido co desenvolvemento sostible, a igualdade de xénero e a divulgación científica.